RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miguel Llorente viu un vestiario aliviado e espera "sentarme co Club e avaliar que pasou para que non volva suceder"

Miguel Llorente, técnico do Dépor ABANCA, recoñeceu tralo partido en ABANCA-RIAZOR que "nos xogabamos moitísimo. Ao principio vin que a diferenza existía e saíron elas como saíron. Pero estaba a desexar o minuto 93. Fíxoseme eterno o día de hoxe. Sufrín moito pero cando o vexa en frío imaxínome que fomos moi mandonas e tivemos o partido controlado en todo momento".

Percibiu no vestiario branquiazul "moito alivio, moito choro pola presión de como foi a temporada. Cando te metes é totalmente xusto. Se te metes neste playout é porque fixeches moitas cousas mal. Acábasche salvando e o que eu vivín con elas é un alivio de saber que fixemos un bo partido, demostramos que non tiñamos que estar onde estabamos pero vímonos neste día".

Desvela que na segunda parte "sufrín máis pero non polo gol (do Real Unión de Tenerife) senón porque vía cada vez máis preto o que levabamos buscando durante moito tempo pero na primeira gocei como un anano. Practicamente non abrín a boca. É o que sempre ansiei cos meus equipos. O adestrador ten que ser prescindible e en ABANCA-RIAZOR é máis efectivo porque nin se che ouve. O orgullo de ver como xogou o equipo é o que máis me emociona e o que máis me enche de alegría".

O adestrador branquiazul viuse realmente salvado cando o árbitro pitou o final do partido: "As xogadoras dicíanme que non querían que se acabase o partido. Leveime a palma de pasalo mal. Non o vin seguro ata que terminou o partido".

Sobre #ANOSAFORZA, que abarrotou a Tribuna Inferior de ABANCA-RIAZOR, apunta que "é outra historia. Estiveron en todo momento animando e se o equipo estivo ben, #ANOSAFORZA estivo de 11 sobre 10. Despois de que houbese un mínimo de dúbidas respecto de nós, encargouse de despexalas e leváronnos polo aire".

Do futuro, Miguel Llorente insiste en que "aquí estiven moi ben. Desde o primeiro día tratóuseme moi ben. Foi unha temporada moi difícil. Terémonos que sentar para ver que pasou, que fagas unha primeira volta tan boa e unha segunda tan mala. Non tiñamos que estar a xogar o partido de hoxe e case seguro que son eu o principal responsable. Espero sentarme co Club e avaliar que pasou principalmente para que non volva pasar, non sei se xuntos ou separados. Non pode volver pasar nin a min como adestrador nin ao Dépor como Club".

Insiste en que no Dépor ABANCA "están a facerse as cousas ben e nun Club que se están facendo as cousas ben, con certo sentido e con cabeza, a miña idea é continuar. Hai que ver a idea que ten o Club. É unha temporada anómala, difícil e que hai que sacar conclusións".