RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Miku pide "estar todos unidos" e "facer moita autocrítica individual e colectiva"

Miku pasouse pola zona mixta do campo de O Vao e lembrou que "erros puntuais custan partidos. Eles xutaron tres veces a portería e fixéronnos os dous goles. Sabiamos que podería ser un partido deste estilo, moi pechado, cunha defensa baixa e tentando saír á contra. Cando se lles puxo o partido de cara foi costa arriba para nós. Na segunda parte, a pesar de pegar tres paus e acosar moito ao rival, a pelota non entra e marchas cunha derrota".

O dianteiro deportivista fixo súas as palabras de Rubén de la Barrera: "Ninguén pode baixar a cabeza. Temos que estar todos unidos. As escusas non serven. Hai que asumir a realidade e facer moita autocrítica individual e colectiva. Pensar que o Guijuelo é un partido a vida ou morte como eran estes. Deste partido non podemos facer nada, analizar os erros, ter responsabilidades, e preparar o partido con unidade e cunha familia, que é o que somos".

Cualifica de "erro" mirar a clasificación todas as semanas porque "o primeiro é gañar os partidos nós e logo xa podes ver a clasificación. A temporada vai avanzando pero no fútbol quince puntos (os que restan para o final desta primeira fase) son a ostia, son moitísimos puntos. Temos que pensar no seguinte partido, tentar sumar da tres. Non podemos estar a pensar e facendo contas agora". 

O ariete branquiazul sente "frustración" porque "os rexistros (goleadores) están a ser nefastos. Antes creabamos poucas ocasións de gol e agora un pouco máis. Os poucos goles que marcamos rendibilizámolos con puntos. Están a verse cousas positivas pero non se está dando ese último pasiño que che permita facer gol. Fíxate hoxe o porteiro sacounos un balón, escorrégase, pega no pau... Estamos nesa dinámica no que ás veces non saen as cousas. De nós depende revertela. Temos dúas opcións: ou sentarnos a chorar e lamentarnos; ou botarlle cara e porlle os ovos todos unidos para sacar isto adiante".