RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mínimo premio para un Dépor que quixo e mereceu máis (2-2)

Após quince días polo paréntese da Copa, e tres semanas despois da última cita en casa, regresaba o Dépor a ABANCA-RIAZOR co obxectivo de manter o bo ritmo dos últimos partidos e asinar por primeira vez na campaña tres de tres en vitorias consecutivas. Nunha tarde chuviosa na Coruña, os cambios de Óscar Cano viñeron dados polos problemas físicos: Edu Sousa por Mackay, Jaime por Pablo Martínez e Isi Gómez por Villares.

A primeira chegada foi para Rubén Díez cun disparo desde a frontal que pegou nas costas dun defensa e acabou no primeiro córner do partido. Á saída da xogada nun balón entre liñas non puido contactar Quiles para desviar algo o balón e sorprender a Salvi Carrasco.

Puido marcar o Dépor no 11 nunha xogada de Soriano que cedeu para Olabe. O centrocampista viu un pase de calidade cara a Antoñito que centrou ao punto de penalti onde xa chegara o propio Soriano. O primeiro semifallo serviulle para acomodala e no segundo remate estrelar o balón no pau esquerdo da portería leonesa.

Camiño do minuto 30 o Dépor reclamou dous penaltis, un por un claro pisotón a Antoñito cando se internaba na área a pelexar un balón, o segundo por unha posible man no centro á zona de perigo visitante.

Xusto na media hora Olabe, nunha incorporación desde atrás, cunha volea en carreira, a punto estivo de anotar o gol deportivista nun monólogo futbolístico sen premio para os branquiazuis.

Svensson atopouse co peito de Salvi Carrasco nun man a man co que a desesperación empezaba a apropiarse de xogadores e afección. Unha sensación que seguiu alimentando un disparo de Quiles que se ía dentro cando no seu camiño atopou o pé de Pablo Trigueros para desviar a saque de esquina.

O que non se atopou no soliloquio deportivista da primeira parte chegou xusto após a continuación cun gran servizo de Mario Soriano que materializou Alberto Quiles como demostrou que é capaz nesas situacións en innumerables ocasións. E a pesar de que o gol parecía que era o único que lle faltaba ao Dépor para encarrilar o partido, non houbo que esperar moito para que na primeira oportunidade clara da Cultural no partido, Roberto Alarcón fixese un gran gol que devolvía as táboas ao marcador.

O Dépor seguiu buscando o partido e chegando, como nunha xogada combinativa na frontal e disparo raso de Quiles desde fóra que obrigou á estirada de Carrasco. A seguinte foi para Max Svensson que recibiu dun taconazo de Soriano e na cara a cara co porteiro gañou este con as súas mans. Após o rexeite Max puido servir para a chegada de Quiles que de novo se atopou con Salvi Carrasco, igual que nunha xogada posterior, para evitar o tanto.

Co paso dos minutos o caudal ofensivo do Dépor foise achicando e nunha xogada inesperada na saída desde atrás a Cultural foi capaz de facer o xusto para, de novo cun bo tanto, poñerse por diante no marcador e complicar o tramo final do partido ao Dépor.

A gran sacudida final chegou cun triplo cambio case chegando ao 90. Un dos recentemente ingresados, Yeremay Hernánez, rematou un centro á área para devolver a ilusión ao equipo e á afección en que a vitoria era posible.

Soriano desde a frontal facendo intervir ao porteiro en dous tempos, Kuki e Gorka ao alimón no desconto á beira do pau e Quiles alto na última xogada puideron anotar o buscado e merecido gol da vitoria, pero finalmente o terceiro triunfo consecutivo resistiuse de novo ao Dépor.

RC Deportivo: Edu Sousa, Antoñito (Trilli, min. 85), Lapeña, Jaime, Raúl Carnero (Gorka Santamaría, min. 85), Rubén Díez, Olabe (Yeremay, min. 85), Isi Gómez (Víctor Narro, min. 70), Quiles, Svensson (Kuki Zalazar, min. 70) e Mario Soriano.

CyD Leonesa: Salvi Carrasco, Saúl González, Joel López, Pablo Trigueros, Jon Ander Amelibia, Kevin Presa (Cristian Pérez, min. 81), Roberto Alarcón, Obolskii (Jesús Álvarez, min. 71), Solís (Diego Pertejo, min. 28), Néstor Querol (Muguruza, min. 81) e Tarsi Augado.

Goles: 1-0 Quiles (min. 47); 1-1 Roberto Alarcón (min. 51); 1-2 Diego Pertejo (min. 66); 2-2 Yeremay (min. 86).

Árbitro: Català Ferrán. Amoestou a Obolskii (min. 3), Néstor Querol (min. 18), Olabe (min. 25), Jon Ander Amelibia (min. 45).

Incidencias: partido da 12ª xornada de Primera Federación disputado en ABANCA-RIAZOR ante 13.970 espectadores. Na previa Ainhoa Marín, Iván García e Ian Mackay brindaron os seus premios como mellor xogadora da liga Reto Iberdrola na Temporada 2021/22 premiada pola AFE, mellor xogador xuvenil do Grupo IV na Temporada 2021/22 premiado por GOLSMEDIA e mellor porteiro de 1ª RFEF Temporada 2021/22 tamén premiado por GOLSMEDIA. No descanso o Deportivismo ovacionou a Jesús Prieto, campión mundial de Powerlifting e Miguel Fernández Vasco, campión europeo absoluto de categoría Finn de vela.