RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Minutos de xogo para Gaku, Montero e Mollejo nos seus respectivos choques

Dous deportivistas tiveron partido internacional onte xoves: Gaku Shibasaki en Saitama con Xapón, e Montero en Córdoba coa selección española sub-21. Hoxe venres a quenda foi para Mollejo coa selección española sub-19, con motivo da segunda xornada do Mini Torneo de Clasificación de Belgrado (Serbia).

Gaku, titular na goleada de Xapón a Mongolia

Gaku Shibasaki enfróntase a Mongolia e Tadxiquistán en partidos clasificatorios para o Mundial de Qatar 2022 e a Copa de Asia de China 2023.

O primeiro destes encontros, ante Mongolia, xogouse no Saitama Stadium en Xapón onte xoves 10 de outubro. Gaku foi titular e participou os 90 minutos na goleada nipoa: 6-0.

O martes 15, a selección xaponesa visita a Tadxiquistán no Estadio da República Central da capital Dusambé (17:15 hora local, 14:15 en España).

Montero disputou a recta final do España-Alemaña sub-21

A selección española sub-21 convocou ao deportivista Javi Montero para dous partidos.

Onte xoves 10 de outubro en Córdoba, España igualou (1-1) ante Alemaña nun encontro de carácter amigable, no que se enfrontaron os dous últimos campións europeos da categoría.

Montero saltou ao céspede no minuto 73 en substitución de Aitor Buñuel, xa con 1-1 no marcador, resultado que sería definitivo.

O vindeiro martes 15, a selección visita en Podgorica a Montenegro (19:45), en choque este clasificatorio para o Campionato de Europa da categoría.

Víctor Mollejo, titular ante Romanía no segundo partido do Torneo de Clasificación de Belgrado

Víctor Mollejo disputa coa selección española sub-19 o Mini Torneo de Clasificación de Belgrado (Serbia), para buscar o pase á Rolda Elite.

A segunda cita para España foi hoxe venres 11 ante Romanía no FK Rad Stadium de Belgrado. O combinado español impúxose por 1 gol a 0, grazas ao acerto de Borja Sainz nun choque no que o deportivista foi titular ata que no minuto 90 de partido deixou o seu lugar no campo a Juan Miguel Latasa.

O primeiro rival dos españois foi o pasado martes Lituania, á que derrotaron (2-0). Mollejo seguiu o choque desde o banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O calendario dos partidos de España, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Martes 8 de outubro
ESPAÑA 2 - LITUANIA 0

Venres 11 de outubro
ESPAÑA 1 - ROMANÍA 0

Luns 14 de outubro
14:00: SERBIA - ESPAÑA, no Center de FA Serbia, en Stara Pazova

Lampropoulos, con Grecia, mídese a Italia este sábado en Roma

Finalmente, Vasileios Lampropoulos foi convocado por Johnny van't Schip para os dous próximos partidos da selección grega.

Os encontros, clasificatorios para o Euro 2020, dentro do grupo J, serán o sábado 12 de outubro fronte a Italia en Roma (20:45) e o día 15 ante Bosnia Herzegovina en Atenas (20:45).