RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mollejo: "Hai que ser conscientes da situación pero tampouco verse superados por ela"

Víctor Mollejo atendeu esta mañá aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O atacante deportivista asegura, respecto ao encontro deste domingo 10 de novembro en ABANCA-RIAZOR ante o Elche CF (12:00 horas, Movistar LaLiga 1) que "me gusta moito xogar en ABANCA-RIAZOR. É un estadio no que se respira fútbol e a min iso encántame. Sempre é bo volver ao teu estadio. A xente, a pesar da situación, está a responder que dá xenio. Sempre que xogo en ABANCA-RIAZOR xogo con moitas ganas, con moita ilusión de facer as cousas ben diante da nosa xente. A ver se temos sorte e dámoslles unha vitoria esta semana".

Titular en moitos partidos con Juan Antonio Anquela, agora vive "con tranquilidade" os seus últimos encontros con Luis César saíndo ao terreo de xogo desde o banco: "Cando cheguei aquí tocoume xogar practicamente todos os minutos. Din o máximo de min. Agora tócame partir desde o banco. Un xogador sempre quere xogar os máximos minutos posibles pero non queda outra que traballar e tentar aproveitar os minutos que lle dea o míster".

Apúntase tamén a xogar de segunda punta, ademais de en banda. "Encántame ser un rapaz polivalente e xogar en todas as posicións. O míster se decide poñerme de extremo, perfecto porque estiven xogando toda a temporada aí. E se decide poñerme de segundo punta pois tamén perfecto, porque esa é a miña posición". "Gústame pisar moita área. Chego ben desde segunda liña. É a posición na que xoguei sempre. Chego mellor á área desde esa posición", aclara.

Admite que o equipo se marchou de Fuenlabrada cunha sensación diferente á de Santander, a pesar de que o resultado en ambos os encontros foi o mesmo (1-1): "Os partidos son moi cambiantes, moi diferentes. Cada partido é un mundo. Hai que mirar a xeira que levaba o Fuenlabrada, sobre todo na súa casa. É un equipo moi sólido, que ten as cousas moi claras. Cando o partido se che pon cun gol en contra, mellor 1 punto que irche sen carga. Defensivamente o equipo estivo sólido igual que a segunda parte de Santander. Hai que quedar con iso, en seguir con esa solidez defensiva. Seguiremos por esa liña, tentando encaixar o menos posible e aproveitar as que teñamos arriba para que chegue esa vitoria".

Ademais, cre que ao equipo está a custarlle xerar perigo na área rival e pide "atopar ese equilibrio de ser sólidos e crear oportunidades arriba. Arriba antes estabamos máis acertados á hora de xerar perigo e atrás non o estabamos. E agora está a ser ao revés. O bo é que temos as cousas claras, imos collendo os conceptos do míster para atopar ese equilibrio".

Cualifica o choque ante o Elche CF como "unha final máis. Todos os partidos son moi importantes. Esa vitoria ten que chegar e se é canto antes, moito mellor. Vainos a vir ben volver a ABANCA-RIAZOR. Levamos 2 partidos con solidez defensiva. A ver se podemos coa nosa afección darlles esa vitoria que é obrigatoria xa".

Preguntado polo seu grao de preocupación pola clasificación, a 4 puntos da zona de salvación, Mollejo subliña que "me preocuparía se fose outro tipo de liga. Pero en Segunda División gañas 2 partidos e case estás na zona media da táboa. E se enganchas unha xeira dun mes sumando plántaste en posto oitavo, sétimo. Hai que estar tranquilo, pelexar ao máximo sendo conscientes da situación, que estamos a 4 puntos como dis. Con ganas de que chegue a fin de semana para empezar a sumar de 3 en 3".

De feito, insiste en que a clasificación do Dépor "non é un accidente. É unha realidade. Estamos pechacancelas, hai que ser conscientes diso. Os futbolistas sabémolo mellor que ninguén. Somos os que vimos aquí todos os días. E a pesar desa serie negativa seguimos vindo coa mesma ilusión desde o primeiro partido de liga. Hai que ser conscientes da situación pero tampouco verse superados por ela, porque se te supera, entras nun bucle moi negativo".

Finalmente, non cre que lle falte personalidade ao equipo: "No vestiario hai xente con moita personalidade que sempre trata de axudar. Non hai que mirar a idade senón o que demostras no campo e a madurez que a xente ve sobre ti".