RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Montero: "Nunca se pode perder a unidade que temos agora e a confianza en cada un"

Francisco Javier Montero pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O central deportivista apuntou que "cambiou todo, sobre todo desde que veu o míster novo. Agora estamos moi ben, con moitas ganas, moita confianza. E iso é o bo".

Do técnico branquiazul, Montero subliña que "con el gañamos moito en defensa, traballamos moito a defensa e a partir de aí empezamos a gañar partidos".

Cre que é "un orgullo para min que me dea agarimo, que me dea confianza, que confíe en min. Despois de todo, non mo esperaba. Agradézollo moitísimo".

Destaca da relación entre o técnico e os xogadores "a confianza que che transmite ao adestrar, ao falar contigo, as instrucións que che dá nos adestramentos". Queda precisamente "coa confianza que temos agora en nós mesmos".

En canto a obxectivos do Dépor, "cando gañas 7 partidos seguidos non o esperas pero a xente xa mira máis para arriba que para abaixo. Hai que seguir a liña na que estamos, non crernos nada. Somos os mesmos aínda que cunha idea diferente", sostén.

Cedido esta temporada polo Atlético de Madrid, co que xa chegou a disputar varios partidos oficiais, recoñece que "nunca esperas que todo vaia como nos foi na primeira volta, que estivésemos tan abaixo. E que agora na segunda volta sexa todo o contrario. E sobre todo no meu primeiro ano profesional".

Nesta liña, advirte o defensor branquiazul que "nin antes era tan malo nin agora son tan bo. É explotar o que cada un ten".

Asume con naturalidade as críticas: "Eu tomeimas de boa maneira. Cada un é como é. Ou che motivan ou che afunden. E a min motivoume. Prefiro que me critiquen, porque iso é sinal de que tes algo dentro e que confía en ti a xente. Prefiro que me critiquen e que falen. Eu sempre vou seguir ao meu. Nunca deixei de confiar en min. Sempre confiarei en min, no meu xogo e nas miñas posibilidades".

Recentemente concluído o prazo do mercado de inverno, Montero reitera que "nunca falei de saír. Sempre dixen que me quería quedar aquí. O que dixese o Deportivo é o que eu faría".

É consciente Montero que algún día chegará unha derrota: "Gáñase, pódese perder, pódese empatar. Sempre tes que seguir con alegría e unidos. Nunca se pode perder a unidade que temos agora e a confianza en cada un. Se temos que perder, corrixiremos erros, empatando tamén e gañando igual. Sempre se pode corrixir".