RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mosquera: "Cristóbal detecta moi ben as cousas que nos fan falta"

Pedro Mosquera asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que estes primeiros días con Cristóbal Parralo á fronte "estamos a traballar moitas cousas que nos facían falta. Está a ser moi positivo todo o que está a facer. Está a verse reflectido nos últimos partidos. O que queremos é ir a máis".

Opina o mediocentro coruñés que o novo técnico "está totalmente integrado. As primeiras semanas foron un pouco raras, con partidos moi seguidos, con Copa do Rei entre medias e pouco tempo para traballar. Agora estamos a ter máis tempo para traballar. Está a adaptarse moi ben. O corpo técnico está totalmente integrado e nós encantados".

Explica que o adestrador branquiazul "detecta moi ben as cousas que nos fan falta tanto con balón como sen balón, e as está plasmando moi ben. Mete moita intensidade nos adestramentos e transmítenos ese carácter que ten el, forte, que nos fai falta. Nese sentido, o equipo está a crecer moito".

Mosquera está convencido que, a pesar da derrota ante o Atlético de Madrid cun gol branquivermello no tempo engadido, o Dépor saíu reforzado "polas sensacións que demos no campo. Foi un bo partido. Xogámoslle de ti a ti a un equipo como o Atlético de Madrid, que é dos mellores de Europa. Independentemente diso, cando ve que nós imos, cando ve que o equipo está a un nivel bo, a afección sempre nos apoia, sempre nos apoiou e sempre nos apoiará. Darlle as grazas por, aínda que sexa perdendo, esa ovación que nos deron".

Nesta liña, cre que "unha comuñón entre equipo e afección vainos a levar a facer unha moi boa temporada".

Sobre a lesión que o mantivo fóra do equipo algunhas semanas, Pedro subliñou que "levo varias semanas adestrando co grupo. Non teño molestia. Nese sentido estou moi contento".

Cualifica o choque do domingo 19 de novembro en Málaga (12:00 horas, Bein LaLiga) como "vital. É un rival directo que non está a pasar por un bo momento. Temos a opción de poñernos a 10 puntos de diferenza máis a diferenza de goles, que son moitos puntos en Primeira División. Cos partidos que quedan, sacarlle 10 puntos a un rival e deixalo abaixo é súper importante".

Mostrouse desexoso de que pase xa o parón ligueiro, e "ir a Málaga e plasmar as boas sensacións que temos destes partidos. Ir alí e tentar comernos ao Málaga como sexa para tentar traernos os tres puntos".