RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mosquera e Andone brindan con Estrella Galicia pola vitoria ante o FC Barcelona

Pedro Mosquera e Florin Andone pasáronse esta mañá polo estand de Estrella Galicia no Forum Gastronómico (Expocoruña), para entregar os premios galegos do cuarto Certame de Tiraxe de Cervexa.

Os futbolistas branquiazuis, ante numeroso público, recibiron un curso acelerado para tirar a súa propia caña, a cargo precisamente do novo campión galego; e brindaron ante os medios de comunicación despois do gran triunfo ante o FC Barcelona de onte, ademais nunha semana especial, a de #ONOSODERBI deste domingo 19 de marzo en Riazor (18:30, Bein Sports). "É a primeira vez que o fago e non se se o fixen ben, creo que non. Pero tenteino", chanceou Florin Andone ante os medios de comunicación coa súa caña recentemente tirada.

Ao finalizar, o acto, que contou ademais coa presenza do conselleiro do Club Daniel Ramos e do director comercial, Ignacio Dopico, Andone respondeu as preguntas da prensa acreditada.

"Agora parece que o fútbol nos está dando o lado bo, o lado da sorte, o lado de conseguir os puntos. E estamos moi felices, moi confiados por esta boa serie que levamos e esperemos que o domingo puntuemos outra vez con tres puntiños que seguro que nos van a vir ben", comentou o dianteiro deportivista.

Recoñeceu que foi a primeira vez en gañar ao FC Barcelona "desde que son profesional. Vívese moi ben. O vestiario está moi contento, está moi activado, con moitas ganas de traballar, con moitas ganas de sumar todo o mundo. É unha experiencia bastante bonita".

Cre que este triunfo ante un dos mellores equipos do mundo "é un motivo para celebralo, un motivo para estar contentos, para estar confiados, felices, para pasalo ben coa familia. Cando as cousas van mal todos estamos fodidos, todos estamos ao pasar mal. Agora é un momento para gozalo cos amigos, a familia e cos compañeiros do equipo".

Pide no entanto "centrarse ao cento por cento no Celta, que é o noso próximo obxectivo e tentar gañar, porque de nada vale pensar no pasado".

Andone asegura que gañarlle ao conxunto céltico suporía "un paso importante cara ao noso obxectivo. É un paso importante para a nosa confianza, que día a día está a crecer, día a día está mellor. Estamos felices polo momento que estamos a atravesar, porque levamos catro partidos puntuando, dous contra dous dos mellores equipos do mundo, Atlético de Madrid e Barcelona. Estamos nun momento bo, pero hai que estar cos pés na terra, hai que tentar traballar máis que nunca e brindarlle agarimo á afección cunha vitoria o domingo".

Non quere falar de favorito ao triunfo en #ONOSODERBI: "Os dous equipos son grandes equipos. O Celta é un equipo grande, un equipo que está a facer bo fútbol. Pero eu confío no meu equipo, confío no Dépor. Vouno a defender a matar. Sempre vou pór a man no lume polo meu equipo".

Admite que hai "moitas ganas" de desquite pola derrota en Balaídos na primeira volta: "Tentaremos facer un bo partido e gañalo. Nunca sabes o que pode pasar. Podemos facer un mal partido e perdelo. Pero a actitude do equipo e as ganas son máximas. Imos ir a matar a por este partido".