RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mosquera pide "ser un gran equipo, conxuntado dentro e fóra do campo"

Pedro Mosquera manifestou este mediodía na DéporTienda de Marineda City, minutos despois de cortar a cinta de inauguración da nova zona de lecer e deporte do citado centro comercial coruñés, que ve á afección ilusionada ante a nova temporada: "Nunca falla. Demóstrannolo aquí, onde hai moita xente; e renovando os abonos".

Subliña que o deportivismo "é o valor máis importante que temos, que ten o Deportivo, que ten a cidade. É algo positivo para toda A Coruña".

Preguntado pola configuración do cadro, o centrocampista coruñés lembra que "aínda quedan bastantes días para que empece a temporada. Aínda hai prazo para incorporar a novos xogadores. Os que están viñeron con moitísima ilusión, tentando mellorar o do ano pasado".

Aínda que destaca o rendemento de Florin Andone, recoñece que sería "positivo" ter algún reforzo na punta de ataque, posto que "durante a temporada pode haber lesións, pode haber sancións".

Explica que "aínda non se decidiron os capitáns. O que hai que facer entre todos é facer un grupo, ser un gran equipo, conxuntado tanto dentro como fóra do campo. Que haxa bo ambiente no vestiario e que haxa bo ambiente entre equipo e afección. É moi importante. Perdémolo un pouco o ano pasado e creo que o poderemos recuperar".

Insiste Mosquera en que "hai que remar todos cara ao mesmo lado. Se facemos iso, seguro que vai ser unha temporada moi boa".

Ve ao Trofeo Teresa Herrera deste sábado 5 de agosto no Estadio ABANCA-RIAZOR (20:30 horas) ante o West Bromwich Albion inglés, como "un torneo moi bonito. Gañamos os últimos dous trofeos e tentaremos facer o último este ano. Tentar darlle un bo espectáculo á afección".

Cualificou de "estraño" o partido do pasado domingo no Dragão, que acabou coa primeira derrota do verán para o Dépor: "O FC Porto é un gran equipo pero tivemos erros que non son propios de nós. Temos que mellorar cousas, detalles e tentar xogar mellor".