RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mujaid, cauto: "Agora mesmo estamos a pensar en tentar afastarnos do descenso"

Mujaid pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. O central deportivista, de 19 anos, recibiu na súa comparecencia ante os medios de comunicación o 'apoio' dalgúns futbolistas do vestiario branquiazul, cos que garda unha relación máis estreita: Aketxe, Nolaskoain, Sabin Merino ou Hugo Vallejo. "Veñen para que haxa bo rollo", chancea o central deportivista.

Asegurou que o partido ante o Girona FC "merecémolo gañar. Tivemos mala sorte co empate. Toca pensar no partido do domingo e tentar sacar unha vitoria" ante o Real Zaragoza en La Romareda (16:00 horas, #Vamos).

Vaticina ante os maños un "partido complicado. Cremos que imos sacar os 3 puntos alí".

Prefire non tocar o tema arbitral do pasado venres en ABANCA-RIAZOR: "Isto é fútbol. Toca non lamentarse e pensar xa no próximo partido". Iso si, considera "rara" a expulsión de Vicente Gómez, segundo a acta arbitral por dicirlle ao colexiado, nada máis concluír o encontro, 'hoxe non estiveches ben, non pódoche felicitar. Mal, hoxe moi mal'. "Son decisións que toma o árbitro e non podemos facer nada", conclúe Mujaid.

A nivel individual, o defensor deportivista confesa estar "con moita confianza. Están a saírme ben as cousas e estou moi contento".

Nestes momentos doces, acórdase principalmente "do meu pai. Axudoume moito a levar todo isto ben. Sempre me dicía que estivese tranquilo, que traballase, que todo chegaba. E así foi".

Internacional en varias das categorías inferiores da selección española e campión dos últimos Xogos do Mediterráneo, non se expón a súa presenza o próximo verán nos Xogos Olímpicos de Tokio: "Non está na miña cabeza. Se a selección chega, pois chega. Agora mesmo estou centrado no Deportivo. Nada máis".

Subliña que a lesión de Somma "fodeunos moito a todos, sobre todo por el. Pero creo que hai xogadores de suficiente calidade para sacar isto adiante". Márcase como obxectivo que nos próximos partidos non se note a súa ausencia e recalca que "hai moitos xogadores de calidade atrás".

De feito, define por exemplo a Peru Nolaskoain como "un gran xogador. Cumpre tanto como de mediocentro como de central".

O internacional deportivista séntese cómodo tanto en defensa de 5 como de 4: "Estou cómodo nos dous esquemas". Iso si, admite que prefire "xogar de central" a ser lateral dereito. "Cando estivo Luis César púxome de lateral. Pero con tal de axudar ao equipo, coma se ponme de porteiro", conclúe.

En canto aos obxectivos do Dépor, Mujaid advirte que "agora mesmo estamos a pensar en tentar afastarnos do descenso. Logo xa se verá. Se se pode entrar en playoff, ben para todos".