RCD / NOVAS

Nace a "Escola RC Deportivo" para complementar adestramentos e formación de futbolistas coruñeses

28/12/2018 17:38

A Fundación Real Club Deportivo pon en marcha co comezo do novo ano unha nova actividade que vai máis aló do concepto DéporCampus Cabreiroá que se desenvolve no verán, semana santa e Nadal. Nace a “Escola RC Deportivo”, que ten como principal obxectivo complementar os adestramentos e a formación futbolística dos nenos e nenas da Coruña, de maneira individual, personalizada e atendendo ás necesidades de cada un.

Nela trabállanse contidos complementarios ao traballo que puidesen desenvolver nos seus clubs, no seu tempo libre e profúndase no coñecemento e adestramento do fútbol baixo a supervisión dos adestradores da canteira do Real Club Deportivo.

A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, en grupos de, como máximo 20 futbolistas, cunha duración coincidente co curso escolar/temporada. Hai que matricularse como mínimo 1 mes e pódese adestrar 1 ou 2 días á semana, mércores e venres en horario de tarde, en quendas de 1 hora, nas instalacións de Fútbol Indoor Coruña.

Ademais da cota mensual (de entre 45 e 95 euros ao mes en función de descontos e horas de adestramento) a primeira vez que se inscriba un alumno na Escola deberá abonar a matrícula que será de 30€ prezo normal e 25€ prezo reducido. Os alumnos do DéporCampus Cabreiroá Indoor 2018 están exentos do pago desta matrícula.

Toda a información da Escola RC Deportivo está dispoñible en www.rcdeportivo.es/escola.