RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo desexa un equipo "que vaia recuperando un pouquiño a alegría que tivo e que ha ir perdendo"

Natxo González manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o que quere mañá domingo 31 de marzo no Estadio Carlos Tartiere de Oviedo (18:00 horas, Movistar Partidazo) é ver un equipo "que vaia recuperando un pouquiño a alegría que tivo e que ha ir perdendo".

Co masivo desprazamento de afeccionados deportivistas á capital asturiana, o técnico deportivista desexa ofrecerlles "á parte de actitude, que sempre a tivemos, 3 puntos, que é o que nos fai sorrir a todos".

En canto á traxectoria ligueira, "o non gañar, o empatar está a manterche aí con opcións. Pero agora necesitamos ese pasiño con vitorias. Ilusionados por facer todo o posible para que sexa mañá, nun partido bonito, nun partido que sabemos que imos ter moita xente detrás. Un bonito escenario para romper esa dinámica".

Ve ao Deportivo "nun bo momento a nivel físico. É importante chegar a estas 10, 12 últimas xornadas cun bo ton. E se estamos o 95 % do cadro mellor. Sabemos o que nos vén neste último tramo e hai que tentar estar os máis posibles, para sumar todos".

Ao Real Oviedo, rival mañá, lembra que "vén de perder un derbi apaixonante, con secuelas a nivel de resultado e todo o que pasou ao redor. Esa derrota máis que un problema foi un incentivo para eles de cara a este partido. Aínda se uniron un pouquiño máis".

Destaca do cadro carbayón que "sabe competir moi ben. Esíxeche moitísimo a todos os niveis. Eles estanse xogando moito, nós estámonos xogando moito. Está interesante a cousa".