RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González advirte que mañá "haberá que ter moita paciencia e xestionar ben cada momento todos os aspectos"

Natxo González espera mañá sábado 10 de novembro en ABANCA-RIAZOR ante o Real Oviedo (20:30 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) un partido "incómodo. Poida que sexa trabado. Haberá que ter moita paciencia e xestionar ben cada momento todos os aspectos".

O técnico deportivista subliña que o conxunto ovetense é un equipo "intenso. Unha das súas virtudes é a intensidade, a agresividade. É un equipo de Anquela, que todos coñecemos. Son equipos moi intensos, fortes no corpo a corpo, con moita presión após perda".

Tarde ou cedo, o Oviedo "estará arriba. Que non estea agora non quere dicir que non teña posibilidades nin potencial e que poida estar no futuro. Sempre estivo aí pelexando por esas posicións (playoff de ascenso) e aí vai seguir".

Pide controlar as emocións nun partido no que o máis rechamante é que o Oviedo "traerá un número importante de afeccionados, cousa que non tiveramos esta temporada. Vai ser un partido máis bonito, con máis ambiente, entre dous bos equipos. O equipo contrario cando ten 2.000 ou 3.000 persoas do seu lado sempre é unha motivación".

Co Dépor en cuarta posición, confesa que non ten présa por ocupar posicións de ascenso directo: "Persoalmente non. É bo estar aí. Máis arriba ou máis abaixo, mentres a diferenza de puntos non sexa grande, en calquera momento sabes que podes saltar dunha posición a outra. O noso obxectivo é seguir o noso camiño a nivel de progresión, en canto a nivel de rendemento. A clasificación non nos importa en canto a ese sentido".

Preguntado pola convocatoria de España sub-21 a Carlos Fernández, Natxo di que "nos alegra que estea coa selección. Doutra banda perdémolo (en Almería o luns 19 de novembro). A nivel egoísta é unha puñeta. Hai que aceptalo. Xa vimos reclamando hai tempo por que non se para a Segunda División cando hai convocatoria de seleccións. Pero non temos máis que aceptalo e buscar solucións".

De Krohn-Dehli, que hoxe recibiu a alta médica, manifestou que mañá "é difícil que poida competir tantos minutos desde o inicio. O seu estado físico é bo referente á lesión".

E en canto a Fede Cartabia, que regresou ao grupo a pasada semana aínda que finalmente non viaxou ás Palmas de Gran Canaria, agarda o máximo responsable branquiazul, trala súa recuperación, que "teña continuidade. Desde que empezamos a pretemporada son cincuenta e tantos días que estivo de baixa. É moi difícil poder ter regularidade neste sentido. Trátase de que a nivel físico estea ben e sexa regular para darnos o que nos ten que dar". "A nivel anímico está ben. No momento da lesión (en Tarragona) afectoulle moito. Como todos está moi ilusionado, con moitas ganas. Era un contratempo máis do seu percorrido que lle facía volver parar outra vez. Pero tamén é un rapaz que rapidamente lle dá a volta para o día seguinte poñerse en marcha e curarse canto antes", engade.

Sobre a súa sanción recentemente cumprida pola súa expulsión en Córdoba, o adestrador branquiazul asegura que se reformou: "Nestes 15 días fixen unha promesa e non vou enfadarme máis".

Indica que "custa ver os partidos desde arriba aínda que se ve moi ben. ven moitas cousas que desde abaixo non ven. A partir de agora volvemos aos nosos sitios".

Non ve "lóxico" tantas expulsións de xogadores e técnicos no Deportivo a estas alturas da temporada: "Non me parece lóxico. Somos boa xente pero por tanto é rechamante. Temos que tratar de evitalo na maneira do posible... Nós controlar un pouco o noso estado de activación que en momentos é difícil. Temos que poñer un pouco máis da nosa parte".

Tampouco quixo "desgastarse" opinando sobre as últimas resolucións do Comité de Competición, por exemplo nas referidas ao Málaga CF: "Sorpréndenme, como pódeche pasar a ti (en alusión ao xornalista que realizou a pregunta) ou ao público en xeral. Son decisións que se toman e xa está. Non vou mirar se o Málaga fixo isto ou o outro. Bastante teño co meu".