RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González avisa que hai "unha liña estreita entre xogar de titular e quedar fóra da convocatoria"

Natxo González confirmou na sala de prensa de Abegondo que decidiu que a convocatoria de 18 futbolistas para visitar este domingo 30 de setembro ao Nàstic no Nou Estadi de Tarragona (20:30 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) sexa a mesma que a do pasado luns ante o Granada CF no Estadio ABANCA-RIAZOR: "É un premio aos que o outro día conseguiron facer un bo partido, sacar os 3 puntos. E darlle un pouco de continuidade. Hai tempo para todos", indica.

Sobre o equipo que poida saír de inicio ao céspede do conxunto catalán, avisa que "non é a miña filosofía manter un once moi seguido. Non dixen que vaia a ser o mesmo que o da semana pasada. Sempre hai matices que podes meter en función do rival, a se queres atacar máis por un costado que por outro, ou ves a un xogador máis forte fisicamente que outro. Depende un pouco".

Por conseguinte, "non sacaría a conclusión de que vai ser o mesmo once que o do pasado luns", conclúe.

Avisou o técnico deportivista ademais da feroz competencia que existe dentro do cadro: "hai unha liña tan estreita entre xogar de titular e quedar fóra da convocatoria que non podes nin imaxinar", comentou por mor dunha pregunta sobre a ausencia de Pedro Sánchez na lista.

Ademais de, por suposto, desexar o triunfo en Tarragona, que sería o segundo consecutivo en liga, admite Natxo que "me ocupa o como, que é o que temos que facer".

Márcase como obxectivo o adestrador branquiazul "conseguir aos poucos ser o máis parecido ao que somos como locais. Entendendo que non é o mesmo. Non é o teu campo, non é a túa xente, xogas como visitante. A idea é a mesma pero non acabamos de ter esa personalidade, ou iso que conseguimos en casa. É a nosa idea e imos traballar por iso".

Recalca que "non é o mesmo que xogues no ABANCA-RIAZOR que que xogues en Tarragona ou en Alcorcón. En casa non tes que viaxar, estás coa túa xente, na túa contorna. Así é máis fácil que cando non é así. Isto pásanos a todos os equipos do mundo".

Agradece o esforzo da afección, que tamén estará presente nas bancadas do Nou Estadi: "Ter xente túa lonxe de casa é de agradecer. Non sei cantos serán. Pero iso axúdanos moito".