RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González cualifica o empate como un resultado "xusto"

Natxo González manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que o CD Numancia "conseguiu o empate que mereceu. O empate é xusto".

O técnico deportivista indicou que non pode explicar o resultado dun partido que se puxo de cara na primeira metade cun 2-0: "Teño que ver un pouco o partido. Pero non me pilla por sorpresa. A raíz do primeiro gol, ía detectando un pouquiño porqué camiño ía o partido. Non me sorprende este resultado final".

Insiste en que "non hai que ir ao segundo tempo para entender o empate. Víase vir. É verdade que puidemos facer o terceiro porque é un equipo que provoca partidos abertos, dálle igual, arrisca co balón como foi a perda do segundo gol. É con valor e aí tes que decidir. Non decidimos ben como colectivo e a nivel individual para desenvolver en cada momento o que conviña".

Pola súa banda, Aritz López Garai, adestrador soriano, indicou que "na primeira parte pesounos a responsabilidade do escenario, do rival e saímos medorentos. E cando nun campo deste tipo saes medorento, pasa o que pasou. Ao final dunha xogada ou doutra che acaban marcando".

Confesa que no descanso, o adestrador do Numancia, díxolle aos seus futbolistas que "con medo ao fútbol non se pode xogar. Temos fútbol dabondo para xogar e competir contra calquera. Se o Dépor foi capaz de facernos dous goles, nós tamén somos capaces de facer gol, como así foi. No segundo tempo estivemos moi ben".