RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González deixa claro que "todo pasa por ter regularidade en casa"

Natxo González ten claro, como así asegurou na sala de prensa de Abegondo, que o ascenso se constrúe nos partidos de casa, en ABANCA-RIAZOR: "Non coñezo ningún equipo que conseguise un obxectivo ambicioso, neste caso un ascenso, sendo moi irregular en casa. Todo pasa por ter esa regularidade en casa. Non quere dicir que teñas que gañalo todo pero si esa regularidade de casa e logo ir sumando fóra para conseguir ese obxectivo".

Por conseguinte, o técnico deportivista pide regularidade, "e para conseguir esa regularidade como local tes que ser regular".

Admite para o partido de mañá venres 12 de outubro ante o Elche CF no Estadio ABANCA-RIAZOR (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) o cualificativo de "partido-trampa. Pero dalgunha forma o respecto é máximo ao rival. Todos sabemos e todas as xornadas vemos os resultados. Non nos cansamos de repetir o da igualdade, o de que calquera... Pero é que é unha realidade. Pódese considerar así dentro dese vocabulario futbolístico".

Deixa entrever cambios en cada partido no rombo do mediocampo, "e iso non quere dicir que non se acabe de atopar un pouco o que un quere. Depende un pouco do rival, os picos de forma... Veremos a uns ou a outros. É unha zona que se ten que ir movendo, porque é unha zona de moito desgaste. Nunha temporada tan longa temos capacidade e profundidade de cadro para medir a frescura do equipo nesa zona".

Aínda que o equipo non contará mañá coa presenza de Quique González, sancionado cun partido, Natxo González lembra que "temos a Christian con fame, xa recuperamos a Borja. É importante que os dianteiros nos dean goles porque sempre o estado de confianza é maior".

Vaticina mañá ante o cadro ilicitano "o que se espera cada partido, o que se ve en cada partido. Unha vez máis teremos enfronte un equipo incómodo, recentemente ascendido, con 5 empates, 1 vitoria. Perdendo 2-0 en Extremadura, con 10 xogadores e empata. En Oviedo fixo méritos para gañar. Un partido difícil, poida que sexa pechado. Dependeremos un pouco da eficacia na área contraria, nas áreas para que se poida abrir outro tipo de partido".

Opina que a baixa de Sory Kaba, o pichichi do Elche que está concentrado coa súa selección, "é unha baixa importante. Pero teñen xogadores suficientes como Nino e Benja".

Despois de xogar o pasado domingo ante o Málaga e agora de novo o venres, con menos días de recuperación que outros rivais, o adestrador branquiazul dixo respecto diso que "hai que adaptarse. Polo menos a min quédame moi corto en canto a preparación. Estás moi pouco tempo. Pero hai que adaptarse".

Aínda que non lle gusta pedirlle nada á afección, "porque bastante nos dá, pero si que nos axude e que vaia a ABANCA-RIAZOR a sacar os 3 puntos, non que vaia cos 3 puntos xa. Así é cando veñen os conflitos, cando xa se vai ao campo con 3 puntos".