RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González "estamos satisfeitos aínda que sempre, todo, é mellorable"

Após o último adestramento na Cidade Deportiva de Abegondo e antes de partir rumbo a Cádiz para o último partido de 2018 (Cádiz-Dépor, Ramón de Carranza, sábado 22 de decembro, 20:45 horas, Movistar Partidazo), Natxo González compareceu ante os medios de comunicación.

"Sempre é bo momento para gañar, porque chegue o nadal ou porque sexa metade de outubro, para gañar fóra de casa ou gañar en casa e ademais se é un escenario como o Carranza mellor que mellor. Vai ser un reto cheo de dificultade" comezou a súa alocución para falar dun rival en boa xeira: "o Cádiz xa o fixo o ano pasado, non é fácil gañar sete partidos seguidos con moito gol a favor e con pouco gol en contra. É o equipo máis en forma neste momento e nos últimos dous meses".

Para buscar imporse avanzou que haberá "cambio ou cambios no once inicial" para un partido para o que vai tratar de que os xogadores "non se coman a cabeza demasiado" por non conseguir os 3 puntos lonxe de Abanca-Riazor nas últimas semanas aínda que "tamén podes interpretar que tampouco perdiches. Gustaríanos volver gañar e iso tratamos de facer sempre, aínda que a maior porcentaxe de puntos dos equipos é como local. Tennos que servir como motivación, non como unha carga. Imos tratar de facelo todo para gañar"

Cuestionado pola curiosidade de que Cádiz e Dépor son os conxuntos que máis xogadores meten na área nas xogadas de estratexia "a ver que facemos. Imos tratar de que o balón non entre dentro da área. Unha porcentaxe moi alta dos seus goles vén de centros laterais porque é un equipo moi profundo, con moita chegada e con moitos xogadores chegando. É o fútbol característico deste Cádiz que está a dominar moitos rexistros: é capaz de correr con espazos, sen eles sácanche moito centro desde os laterais, mesmo desde a metade do teu campo. É un equipo que te empuxa e máis no seu campo. Estar preto da túa portería sempre leva riscos e neste partido máis aínda. Máis que defeder lonxe temos que tratar de ter o balón o máis posible", rematou a súa análise.

En canto á posición do equipo ao final da xornada, no grupo de equipos de promoción e ascenso directo, afirmou que "queremos estar preto, se gañamos ireime máis contento que se non o facemos pero isto pasa despois de cada partido. Obviamente que agora o Cádiz é un rival directo e se gañas aumentas a diferenza que sería importante pero temos que seguir no noso camiño. O importante é estar preto, con opcións sempre de poder acceder a esas posicións. Agora mesmo estamos en ascenso directo, por tanto ben colocados nestas primeiras 19 xornadas. Até este momento fomos o segundo mellor equipo da categoría, así que estamos satisfeitos aínda que sempre todo é mellorable e sempre hai marxe de mellora".

Antes de pór fin á rolda de prensa o adestrador vitoriano quixo desexar "felices festas a todo o deportivismo ¡a gozalas!".