RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González: "Estou moi contento co cadro e por estar onde estou"

Natxo González atendeu esta mañá aos medios de comunicación, a 8 días de arrincar LaLiga 1|2|3 no Estadio Carlos Belmonte de Albacete. Estas foron algunhas das súas frases.

O equipo a unha semana do inicio ligueiro
"Isto deixa de ser pretemporada e metémonos xa en competición. Un sempre ten inquedanza de ver a resposta que vas dar nesa primeira xornada. O que fixemos até agora e o que nos queda o sábado non ten nada que ver. O de onte e o Oviedo achégase un pouquiño ao que te podes atopar en temporada, pero nada ten que ver".

"Despois de 40 sesións que levamos, estou satisfeito. Ves ao equipo cunha identidade, que é o primeiro paso; cunha idea. A partir de aí obviamente intermitente, a refachos, con falta de continuidade. Dentro da lóxica destas 40 sesións, dun equipo moi novo... Agora mesmo satisfeito coa actitude, coas ganas de facer cousas. Iso xa é unha base importante".

Resultados da pretemporada
"Non me di nada que gañásemos máis ou menos. Non é comparable cun partido de competición. Non me xera nada en especial. Sempre a un gústalle gañar. Somos quen somos e defendes un escudo con moita historia".

Diego Caballo e Edu Expósito
"Aí están os minutos que están a disputar como calquera outro mesmo nalgún caso máis que outros. Están a dar o nivel para estar aí. Ao primeiro equipo do Dépor non chega calquera. Están aí por méritos propios e porque están a facer as cousas ben. Seguro que o seguirán facendo no futuro".

"Queda este último arreón. Onte Diego Caballo xogou de inicio de lateral. Quería ver esa situación, como se desenvolve nesa zona".

Xogadas a balón parado
"No Mundial, o corenta e tantos por cento dos goles fixéronse a balón parado. Sabemos que é decisivo tanto en accións a balón parado defensivas como ofensivas. Nunha categoría tan igualada, unha acción a balón parado pode supoñer sumar. É tan importante como outra faceta do xogo".

Idea para o amigable ante o Oviedo en Foz
"Hai que ver a recuperación dos que onte xogaron 60, 70 minutos. Mesmo Edu, que xogou 90. Loxicamente hai problemas: golpes, sobrecargas... Queres perfilar un pouco de cara ao partido de Albacete. O que vexades o sábado tampouco vai ser decisivo. Tamén me gusta medir os minutos que van levando todos, que todos teñan oportunidades de poder ofrecerse. A partir de aí, coa análise que teñamos da pretemporada e o rendemento de cada un, buscarei o once que creo que é o máis adecuado de cara a Albacete".

Aspectos para mellorar
"Dar continuidade ás cousas que fas ben. Iso na xornada 42 non o conseguiches ao 100 %. Si que me gustaría en xogo de ataque, nese xogo posicional, darlle máis continuidade. Sacar maior beneficio ao que xeramos dentro do campo. Iso a nivel ofensivo".

"A nivel defensivo, onte foi unha proba importante. O noso porteiro non tivo que intervir moito. Encaixamos un gol pero a nivel defensivo, temos que conseguir ser un equipo o máis solvente posible. Haberá momentos nos que teñamos o balón, pero cando non o teñamos, temos que ser solventes".

"Hai moitas cousas que mellorar. Levamos 40 sesións. Acabas case con 300. Imaxínate".

Guilherme e Tytoń
"Vaise achegando o final do mercado. O xogador se quere saír ponse máis nervioso. Non me xera ningún problema no día a día. Son dúas situacións que están aí con posibilidades de saír. Imos ver. Oxalá non se alargue máis no tempo".

Situación de Diego Caballo e Uxío
"É unha puñeta. Se xogan un minuto no primeiro equipo logo non poden xogar no filial. Hai que ser cautos, hai que analizalo ben. E logo eles marcarán o seu rendemento, se están preparados, se non están preparados para dar o salto. Porque cando o dean, non hai marcha atrás".

"Caballo é un xogador que pode actuar en varias posicións. Onte queríao ver de lateral. Pode xogar por diante do lateral se xogas con extremos. Nestes partidos no centro do campo xogou no vértice esquerdo. É un xogador que che dá moitas posibilidades. Iso a un adestrador encántalle. Ten algo máis de vantaxe (sobre Uxío)".

Poucos goles dos dianteiros do equipo
"Require tempo. Son situacións concretas. Moitas situacións que de inicio o xogador ten que manexar ben. Ten que entender o xogo. É unha das cousas en que fago moito fincapé".

"Agora custa atopar o sitio, o espazo. Pero dentro de non sei cuantos van estar encantados os dianteiros. Fixemos 13 goles nos 6 partidos que levamos. A maior responsabilidade recae sobre as puntas. Pero unha media de 2 goles por partido, dáme igual quen a meta. Con paciencia e traballo todo chega".

Perfil dos dianteiros
"Buscamos futbolistas que encaixen nesa idea. Tes xogadores máis habilidosos. Tes xogadores máis referencia como pode ser Christian, que por desgraza o temos parado. Son xogadores con características que nos van ben. Un virá máis a recibir porque está máis preparado para iso. Outro está máis fixado para que estea preto do remate".

Celso Borges e Krohn-Dehli
"Hai casos que están aí, que se saen, que se non saen. Cada vez que se vai achegando máis a competición, unha saída dentro de 10 días non vai ser fácil de substituír. Son situacións que non podo controlar. Traballo cada día co que teño, tratar de convencerlles da idea de xogo, de que estean cómodos, de que gocen facendo o que fan. Hai situacións que se me escapan das mans, situacións individuais, de Club".

Valoración do cadro
"Estou moi contento. Estou contento por estar onde estou. A partir de aí, polo traballo do día a día, das incorporacións. Ilusióname. Gustaríame ter a Messi, pero sei que non é posible. Confío no traballo da Dirección Deportiva, como sempre o dixen. Imos todos no mesmo barco, todos queremos o mellor. Durmo moi tranquilo".

"Estou satisfeito co equipo e coa actitude no día a día. Desde o primeiro día falamos que eramos un grupo de persoas que nos elixiu o Club. E a ver se conseguiamos ser un equipo. Creo que estamos no bo camiño. Como sexamos un bo equipo, iso dá puntos a final de temporada".

Dani Giménez ou Ortolá
"Teño dúbidas porque son dous bos porteiros. O sábado veremos a Ortolá. Imos ver que decidimos. Transmítennos tranquilidade na portería".

Las Palmas e Málaga
"Non o sigo moito. O xusto e necesario. Las Palmas está a asinar xogadores con moito nome. É un aspirante claro a estar entre os mellores".

"O Málaga creo que está a ter máis problemas para as saídas, entradas. Pode haber máis inestabilidade neste sentido. Pero é outro aspirante máis a estar entre os mellores, como hai moitos".

Primeiros partidos lonxe do Estadio ABANCA-RIAZOR
"Mal rollo. Agora que chego eu, o Estadio ABANCA-RIAZOR en obras, non se xoga o Teresa Herrera. Tres partidos fóra... podíanme chamar noutro momento. Pero é o que hai. Tratar de saír airoso desa situación e xa está. É un reto bonito e ilusionante. A ver de que somos capaces".

Elección de capitáns
"Gustaríame para tomar a decisión que o equipo sexamos os que xa vaiamos ser de cara ao futuro. Vou esperar o máximo. Non me importa que empece a liga. Creo que agora mesmo hai xogadores que xa nos representan como equipo. A miña idea é a semana que vén ou dentro de dúas semanas pechar o tema".

"É unha decisión importante. Transmitinllo a eles. Temos que pensalo moi ben. Non se trata de que leve o brazalete o máis gracioso, ou o que organice as ceas, ou os eventos. É unha gran responsabilidade. Temos que ter na cabeza xogadores con ese liderado, que nos representen ben. Serán 4 capitáns. Eles decidirán algúns e eu outros".

Perfil de xogadores para o centro do campo no novo sistema
"O xogador que se contratou e o que había é dese perfil. Púxose encima da mesa a idea, e traer a partir de aí xogadores para esa idea. O pivote ten unhas características concretas. Necesitas vértices que che fagan 11 ou 12 quilómetros cada partido. Necesitas mediapunta e puntas con moitas repeticións en canto a intensidade. É orixinal e require tanto a nivel táctico-técnico como físico uns parámetros que hai que dar. Uns laterais con bos números de ida e volta. Estamos a tratar de darlle forma".

Nivel físico con este sistema
"Calquera equipo, calquera estrutura, máis ou menos móvense nos mesmos parámetros. Non é o mesmo un central que un interior. É verdade que require un desgaste. Correr dependerá de nós. Tentaremos ter o balón. Se non o temos, xa sabes o que nos toca. A correr como cabróns".

Fede Cartabia
"É un xogador importante para nós. Está aí. Non pódoche dicir máis. Son situacións individuais e de Club que non podo manexar".