RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González: "Hoxe fixemos un partido moi completo de principio a fin"

Natxo González indicou en rolda de prensa que "hoxe fixemos un partido moi completo de principio a fin, moi regular. Estou feliz porque necesitabamos este triunfo e mereciámolo".

O técnico deportivista subliña que "o importante era gañar. E xa se ganas con boas sensacións é moito. Por tanto estou moi contento. Doulle moita importancia a como se conseguen os resultados, para o bo e para o malo. Hoxe, á parte da vitoria, estamos contentos de como conseguimos a vitoria. Gozamos. Hoxe os xogadores gozaron e iso é importante".

Pide agora "manter un pouco a regularidade para que non se fale de mini crise nin de crise. Está na nosa man no verde. Está na man de todos, na afección. Esta vitoria acougará un pouco os ánimos, pero é un partido máis e queda un mundo por diante".

Pola súa banda, Luis Miguel Ramis, técnico do Albacete Balompié, opinou que a vitoria do Dépor foi xusta: "Sabiamos que ía ser un partido intenso os primeiros minutos. O bo que tivo o Dépor é que o mantivo durante os 90. Esixiunos moitísimo".

O ex futbolista branquiazul cre que "o resultado reflicte ao final a efectividade tamén. Pero a vitoria do Dépor, de calquera forma, é xusta".

Ramis fala de que houbo "un equipo que é superior a ti, que se vai facendo co partido, que iso vén acompañado dunha acción individual de talento nun gol de falta, que os anima, que os mete máis, que lles axuda a seguir buscándonos máis arriba. A resposta nosa con balón foi pobre".