RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González: "Quique é un xogador importante da categoría porque é moi completo"

Tralo seu debut no banco do RC Deportivo, Natxo González recalcou na sala de prensa de Abegondo que o partido desta mañá ante o Fabril serviu para poñer o punto e final "a unha semana moi intensa con moitas sesións. Acabamos ben, sen problemas. E xa é un éxito despois desta semana acabar ben, en canto ao físico refírome".

Do partido apreciou o técnico deportivista "o que pode prever un adestrador a estas alturas, cando chega a un sitio, cando hai un equipo en reconstrución, cunha idea distinta de xogo ao que podía haber. Desorde por unha banda. Estivemos bastante desordenados. Pero repito, o que pode un prever".

Iso si, destacou "boa actitude ante o traballo. Hai cousas que son innegociables e nese sentido ben en todos os casos".

Ademais, cre Natxo González que a nivel defensivo o equipo deu "pasiños. No primeiro tempo estivemos bastante ben a pesar de encaixar un gol e outro penalti. O que é o bloque, co que traballamos, gustoume".

Preguntado pola canteira deportivista, que hoxe se exhibiu na cidade deportiva, afirmou estar "neste sentido ben apoiados. Hai xogadores moi interesantes. Coñecédelos mellor que eu. Veñen de facer unha gran temporada moitos deles, coa ilusión do rapaz cuxa máxima ilusión é chegar ao primeiro equipo. Van ser habituais en pretemporada, no traballo entre semana. O que si é verdade é que, como dixen o primeiro día, creo moito na xente de abaixo".

Preguntado pola última incorporación, Quique González, Natxo definiuno como un dos "dous ou tres mellores dianteiros da categoría, sen dúbida. É un dos mellores porque ofréceche moitas cousas: un gran traballo, sacrificado. Hai que ver que hai cousas innegociables e entre esas cousas é o traballo, cada un na súa posición. Vaise a esixir moito nese traballo, a nivel ofensivo e defensivo. É un xogador rápido, un xogador que é capaz de dar continuidade ao xogo. E ten gol. Para min é un xogador importante da categoría porque é moi completo".