RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González sobre a Granada-Dépor: "Ten todos os ingredientes para ser un partido grande"

Natxo González lembrou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que este domingo 10 de febreiro no Novo Estadio dos Cármenes (18:00 horas, Movistar Partidazo) enfróntanse "dous rivais directos", Granada CF e RC Deportivo. "É un partido non imos dicir decisivo, non imos falar de final, pero é un partido importante polos puntos, por un posible golaverage particular... Ten todos os ingredientes para ser un partido grande", engade.

O técnico deportivista considera que "gañar no Molinón é un bo exemplo de que é o que tes que facer para poder gañar fóra. Sendo partidos distintos, pódenos servir para saber cal é o camiño fóra de ABANCA-RIAZOR. Fóra de casa somos o terceiro ou cuarto equipo con máis puntos. Imos tentalo".

Confesa no entanto "a miña maior preocupación son as lesións. Moitas lesións debilítanche a nivel de equipo e debilítanche de cara ao resultado. É o máis preocupante agora mesmo".

Preguntado polos motivos, apunta que "non podes chegar a unha conclusión obxectiva e contundente".

Vaticina no once do domingo en Granada "matices dentro do que hai. Tampouco podemos facer demasiadas historias porque hai zonas nas que estamos, debido ás lesións, moi limitados".

En concreto sobre Pedro Mosquera, concede Natxo González que a súa hora "pode chegar en calquera momento. Está a disposición de poder entrar en calquera momento. É verdade que ultimamente estivo na escuridade porque nesa zona decidín dar continuidade a Álex Bergantiños. Iso non quere dicir que sexa eternamente. En calquera momento debido ao seu comportamento no día a día, ao seu traballo do día a día, está preparado para actuar". Nesta liña ve compatibles no campo aos dous centrocampistas coruñeses: "Pode ser, é unha opción", concede.

Do Granada CF, o adestrador branquiazul destaca que "como locais teñen bos números, algo peores que nós porque teñen unha derrota contra o Sporting. Pero son moi fiables como locais. É un equipo perigoso. É o equipo menos goleado, nós somos o segundo menos goleado. Eles son os primeiros. Os números din que é un equipo moi equilibrado, capaz de defender ben. E logo ten moita velocidade arriba que é importante no fútbol. Ademais de ter bastante gol en accións a balón parado. Por iso está aí. Son moitos puntos fortes".