RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González: "Somos o Dépor pero non somos mellores que ninguén"

Ante o inminente arranque da competición ligueira, mañá venres 17 de agosto en Albacete (22:00 horas, Gol), Natxo González advertiu que agora mesmo "hai 10, 12, 14 equipos que están a pensar en empezar ben e como obxectivo final estar entre os mellores. Somos moitos aspirantes".

O técnico deportivista márcase como obxectivo final "estar entre os mellores. Para ese obxectivo hai un longo percorrido, un camiño complicado. Haberá moitas curvas, pedras que haberá que ir sacando do camiño".

Espera que "o equipo se acabe por pechar en canto a cadro e ir crecendo. Sendo conscientes que somos o Dépor pero non somos mellores que ninguén. Non nos podemos considerar mellores que ninguén. Un dos valores que determinou o grupo é a humildade. E con esa humildade imos ir a todos os campos, tanto fóra como en casa".

É consciente Natxo González que clubs, medios de comunicación... considerarán o Dépor como un rival a bater: "De portas para fóra entendo moito isto porque se basea na historia, o nome dun Club. De portas cara adentro sempre tratarei de ser o suficientemente humilde e ter os pés no chan nos momentos bos; e nos momentos malos ser igual de equilibrado. É o segredo e imos pelexar por iso".

Advirte de cara a este primeiro partido ligueiro que "o equipo está bastante verde. Non quere dicir que non esteamos preparados para competir mañá. Nalgunhas posicións estamos un pouco xustos. É ir crecendo. O que ocorre é que neste crecemento temos que ir sumando. Aí está o quid da cuestión".

Nesta liña, chancea indicando que "non me importaría ter un mes máis de pretemporada: tranquilidade, boas caras, sen presión dos resultados... Non me importaría estar de pretemporada 3 meses máis. Xa chega e agora a competir".

Definiu desta forma a Didier Moreno, a nova incorporación branquiazul, pendente do recoñecemento médico: "É de diferente perfil ao que temos. É un xogador con presenza, moita ida e volta, moi intenso". "Pode xogar tanto de pivote defensivo como en calquera dos 2 costados", engade.

O adestrador deportivista apunta sobre a configuración do cadro que "a medida que vaian saíndo xogadores ten que ir entrando alguén. Saíu Celso e xa metemos a outro xogador. Así irá ocorrendo ata que dunha vez por todas chegue o 31 de agosto e xa se acabe isto. A idea é ter 2 por posto. Agora esperar as saídas para as entradas".

Do Albacete, primeiro rival, destacou Natxo González que "ofensivamente trata sempre de progresar no xogo con balón. É un equipo que de mediocampo para arriba ten moito recurso, con Zozulia, Ortuño... As bandas con Vela, Acuña, con Susaeta... Ten xogadores de moito nivel na categoría. Polo tanto será un partido difícil, como o van a ser todos".