RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González: "voume amolado polo punto pero contento porque os mozos o deron todo"

Á conclusión do partido, Natxo González analizou en sala de prensa de Abanca-Riazor o Dépor-Lugo: "pensaba que iamos ter máis oposición no sentido da alternancia con balón, pero minimizamos os seus puntos fortes e por tanto moitos minutos foron continuas chegadas a portería e bastantes accións de gol para ter finiquitado o partido", pero matizou que no desconto "aínda que xogásemos dous días, se alargase o partido, eles agarráronse a calquera cousa para salvar o punto".

O técnico deportivista fixo bo balance en defensa e matizou os peros en ataque: "fomos moi eficaces, pero na área contraria non o fomos hoxe. É o que nos faltou. Podemos pedir máis precisión, podemos pedir mellor toma de decisións, pero defensivamente case non tiveron opcións e ofensivamente tivemos ocasións suficientemente claras como para pornos por diante, por tanto voume amolado polo punto pero contento porque os mozos o deron todo e en moitos momentos facendo moi ben as cousas".

Cuestionado sobre os minutos disputados en superioridade numérica cre que "entra a precipitación, queres xogar rápido, se tocas atrás o público pítache, métesche nunha espiral que hai que ter a cabeza fría e ser intelixente sen empregar máis o corazón que a intelixencia".

Tamén respondeu sobre a actuación de Carles Gil, titular hoxe: "tivo varias ocasións de facer gol. Algunha ao pau ou se lle foi arriba. O positivo é que desde esa posición xerou ocasiones pero non acaba de atopar a rede e iso provoca certa angustia ben entendida. O que saco é que xerou 3 ou 4 ocasións boas".

En xeral cre esaxerado falar de crise "non a entendo no fútbol, pero se vós o determinades. É verdade que algo pasa, pero pasa sempre. Estamos nesa fase que pasa nunha temporada que non estamos a ser eficaces e seguro que se se achegaran unha vez métena. Son estas dinámicas que pasan e temos que estar moi atentos porque encaixamos nos últimos partidos as que nos tiraron. Isto é o xogo. Hai que entendelo e ser conscientes diso", concluíu.


Pola súa banda Alberto Monteagudo, técnico do Lugo valorou o punto que "sabe a gloria, un partido súper complicado no campo dun grande. Complicáronnos a vida na primeira parte porque xogan con laterais moi abertos e con xente por dentro, tiveron a do pau e as dúas intervencións espectaculares de Juan Carlos. Aguantamos como sabiamos que tiñamos que aguantar para tentar sorprender, como a tivo Campillo. Cos expulsados o partido non ten máis historia que defender, defender e non atacar nunca. Na primeira si puidemos saír algunha vez, na segunda foi imposible así que moi contentos por conseguir un punto nun campo no que se conseguen moi poucos puntos, é un punto para celebrar".