RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo: Somos moi esixentes e queremos mirar a forma de mellorar para ter máis posibilidades de gañar

Natxo González, aínda que desexou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "sigamos cos números que estamos a ter fóra de ABANCA-RIAZOR", advertiu non obstante que "somos moi esixentes e queremos mirar a forma de mellorar para ter máis posibilidades de gañar. Pero non porque nos preocupe o resultado porque repito: unha soa derrota en todos os desprazamentos que tivemos non é fácil nesta categoría. Somos o segundo mellor equipo como visitante".

Insiste o técnico deportivista que "somos moi auto esixentes e queremos ver de que forma podemos ter máis posibilidades de gañar; sobre todo con respecto ás últimas visitas de Almería; de Córdoba, que foi un partido estraño; mesmo das Palmas. É o único dentro da nosa idea que temos que mellorar para ter máis posibilidades de gañar".

Iso si, non está sorprendido polo nivel de esixencia: "Esa esixencia ben entendida e asumida non é mala. Sabemos onde estamos e cales son os obxectivos. O importante disto é saber xestionar de portas cara adentro esas esixencias, que nós mesmos nolas pomos".

Do Rayo Majadahonda, rival mañá domingo 2 de decembro (12:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), Natxo di que é "un equipo que trata de progresar co balón. Gústalle ter a posesión. Ten moita enerxía, desprégase moi ben cando recupera o balón. Domina bastantes rexistros e para min é unha sorpresa agradable dentro da categoría. Esa personalidade que teñen, esa desenvoltura que teñen, despregarse rápido... É un bo equipo desde a miña posición e que me sorprendeu gratamente". Vaticina pois "un partido con dous equipos que queren a posesión".

Preguntado polo lateral dereito, vacante pola baixa do sancionado David Simón, o adestrador deportivista apunta que Gerard Valentín e Eneko Bóveda disputásense esa praza: "Calquera dos dous pódese adaptar. Eneko xogou moitísimo de lateral e ultimamente de central. En función do tipo de partido que é mañá xogará un dos dous".