RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Noelia Villegas, tranquila co futuro: "Unha base si que quedará, seguiremos sendo as mesmas"

Noelia Villegas, que acaba de renovar o seu contrato co Deportivo ABANCA, pasou hoxe xoves pola sala de prensa virtual do RC Deportivo.

Mostrouse "moi contenta" por continuar en Abegondo. Admite que agora é o momento de movementos no cadro, "xente que queda, xente que se vai. Despois da temporada que levamos facendo, é evidente que algunhas xogadoras sairán. Estou tranquila porque unha base si que quedará, seguiremos sendo as mesmas. Confío en que o que veña, veña a achegar e axúdenos igual ou máis".

Confesa até o momento "gozar moitísimo no Dépor ABANCA polas miñas compañeiras, pola confianza que me transmitiu o Club desde o primeiro momento, pola afección, que é o máis incrible. Quería seguir, o Club tamén estaba contento co meu rendemento. Chegamos a un acordo e a partir de agora con máis ilusión que nunca a conseguir todo o que se poida. Sen parar".

Na súa opinión, "todo o mundo quere acabar a temporada pero o máis importante é a saúde agora mesmo. Tal e como están as cousas, aínda que vai mellor, non creo que sexa o momento de continuala".

A Noelia Villegas dálle "pena" se non se chega a acabar no campo: "Todas as xogadoras, técnicos queren acabar a competición. Nós iamos moi ben. Era unha temporada ilusionante e gustarianos terminala. Pero a saúde é o máis importante e non sei se é bo momento de continuala agora mesmo".

Iso si, apunta que "se ao final é factible para os rapaces, nós tamén poderiamos continuar".

Explica que o cadro tenta estes días "motivarse, levar a situación o mellor posible, esquecéndonos das noticias e a tele. Somos conscientes do que está a pasar. Tentamos apartarnos un pouco da situación para levar os días o mellor posible".

Conta que "non poder saír de casa é difícil. Tento quedarme coas cousas positivas nas situacións que non son tan boas. Estou a aproveitar moito en casa coa miña nai e irmá. Desde os 15 que saín non puiden estar moito en casa. Ademais tento entreterme cos entrenos que nos prepara Lucía Piñeiro (preparadora física), vexo series, lin varios libros de historia e agora estou cun de asasinatos, películas... Intento non pensar e que se me pase o tempo en casa o máis rápido posible".

Destaca que "Lucía Piñeiro mándanos traballo as 24 horas do día. Ademais se algún día quédanos forza, poñemos vídeos na tele para facer outras modalidades: baile... Lévoo ben".