RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Nolaskoain asegura que "é un pracer xogar en ABANCA-RIAZOR con 27.000 persoas" e espera o venres un estadio "igual ou máis cheo"

Peru Nolaskoain destacou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o partido de onte en Alcorcón "non foi o máis brillante que xogamos, pero tivemos esa xogada no último minuto; e todos contentos para casa".

Lembra esa acción definitiva no estadio madrileño: "Estou con Bóveda un pouco aberto. Pensaba que a ían a poñer de primeiras pero ven ben a Keko en banda, pona moi ben e Mamadou (Koné) remata perfecto". "Alegreime moito por el porque traballou moito. É un xogador que lle queremos moito todos no vestiario. Meréceo máis que ninguén e alegrámonos moito de que o meta el", apostila.

Aclara a efusiva celebración do equipo sobre o mesmo céspede do Estadio de Santo Domingo: "Non estamos para regalar nada. Cada gol que metemos hai que celebralo coma se fose o último. Onte demostrouse esa alegría que nos levamos".

A nivel persoal, recoñece Peru que "co paso das xornadas sentinme cada vez máis cómodo. No centro do campo estou máis cómodo que ao principio. Dicía iso de que non sabía que tipo de xogador era. Era un pouco de incerteza, son central, son mediocentro. Ao final estoume atopando mellor ultimamente".

Cedido polo Athletic Club, recalca na Coruña "vivir os dous extremos do fútbol. O estar afundido, vendo case imposible a salvación, a estar ilusionados con facer cousas aínda. Quedan moitas xornadas e todo pode pasar".

Despois de case 2 meses, rememora ese gol ante o CD Tenerife en ABANCA-RIAZOR o pasado mes de decembro, que supuxo o 2-1 aínda con Luis César sentado no banco deportivista: "Foi un gol importante. Ademais era o momento ideal para irnos de vacacións cunha vitoria. Volvemos moi ben de Nadal e estamos aínda indo para arriba".

Despois de 7 vitorias consecutivas, Nolaskoain indica que "sentímonos fortes agora mesmo. A base das vitorias vén dunha boa defensa. Somos un bloque sólido agora. Aos contrarios cústalles moito facer ocasións. Onte o Alcorcón ten o balón pero tampouco ten ocasións moi claras para facernos gol. Nós sentímonos cómodos aí atrás e a partir de aí facemos perigo ás contras".

Apunta o centrocampista branquiazul que este venres 14 de febreiro ante o Girona FC (21:00 horas, Gol), ABANCA-RIAZOR "ten que ser un fortín. O outro día con 27.000 persoas foi un pracer para todos xogar alí. É máis fácil gañar cando a xente nos apoia. O venres esperamos que estea igual ou máis cheo que o outro día (ante a UD Las Palmas) e tentemos gañar o partido".

Confesa Peru que "todos miramos a clasificación por saber onde estamos. Estamos nunha situación bonita pero un pouco perigosa. Todos miramos para arriba pero algún día virá unha derrota. Temos que estar preparados para asumir esa derrota".

Eloxia ao meta e capitán Dani Giménez, que "está a render a un nivel moi alto. O nivel do que é el, un gran porteiro. Agradécese que o teu porteiro pare cando as cousas se volven difíciles. É bo sinal que cando o equipo rival ataca, tes un seguro de vida aí atrás. Dáche confianza".

Nesta liña, a pesar de levar 2 goles encaixados en 6 partidos, advirte que "non nos podemos relaxar. Seguir que non nos metan goles e a partir de aí veñen os puntos. Onte deixamos a portería a 0 outra vez. É a base do que queremos facer. Estamos contentos por iso".