RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Nolaskoain pide "ter a cabeza fría e entrar aos partidos sen pensar onde estamos na clasificación"

Peru Nolaskoain foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O mediocentro deportivista destaca tamén a segunda parte en El Sardinero o pasado sábado, onde "se viu a un equipo moi diferente ao que viñamos vendo. Este é o camiño".

Precisamente conta que no descanso do choque ante o Real Racing Club, "sabiamos que estabamos a facer as cousas moi mal. O que nos dixo o míster non o estabamos facendo. Volveunos a dicir o que quería de nós. Entre todos soubemos darlle a volta á situación". "Foi bastante claro. Necesitamos que nos poñan as pilas. Non estamos en situación de que nos digan as cousas falando. Hai veces que hai que gritar, rifarnos para espabilar. O míster fixo o que tiña que facer e demostrouse na segunda parte", aclara.

Eses segundos 45 minutos ante o conxunto cántabro, a xuízo do futbolista vasco, "deberían servir para saír en Fuenlabrada (este sábado 2 de novembro ás 16:00 horas, Movistar LaLiga 1) coas pilas cargadas desde o primeiro momento. Non esperar ao descanso para facer o que sabemos facer".

É máis, subliña que nese partido, o rival, o Racing, "non se podía permitir relaxarse por como vai na clasificación. O mérito foi de nós. Saíu de dentro de nós. Fixemos un mérito importante para traer o punto a casa".

Na súa opinión, ao equipo cústalle entrar nos partidos porque "estamos onde estamos. E iso tampouco axuda moito. Temos que ser capaces agora de ter a cabeza fría e entrar aos partidos sen pensar onde estamos na clasificación, sen pensar as consecuencias que traería unha nova derrota. Hai que quedar co segundo tempo (de Santander) e ir para arriba aos poucos".

Após xogar xa no Dépor no mediocentro e no eixo da zaga, Peru Nolaskoain cre que "como centrocampista dou máis ao equipo. Persoalmente síntome máis cómodo aí".

Preguntado sobre se beneficia ao conxunto branquiazul volver xogar lonxe de ABANCA-RIAZOR, teno claro: "Sempre é bo xogar en casa. En casa sempre es máis forte". Entende á afección deportivista, que "non quere que o equipo estea onde está. Igual que nós. É unha situación na que temos que inchar peito todos, apoiarnos uns a outros para saír disto".

Finalmente, do rival, o CF Fuenlabrada, Nolaskoain lembra xogar contra eles "hai 2 anos, en Segunda División B. Era un equipo forte. Agora reforzouse con xogadores bos. O que está a facer non é casualidade porque xa levamos 12 xornadas e é un gran mérito".