RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Nolaskoain: "Se todos imos a unha, o equipo será máis forte, máis compacto"

Peru Nolaskoain compareceu esta tarde na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O centrocampista vasco indica respecto ao partido deste sábado 23 de novembro no estadio (18:00 horas, Movistar LaLiga) que "sempre é positivo volver a ABANCA-RIAZOR porque é a nosa xente. Teñen os seus dereitos de pitar, de apuparnos porque pagan o seu abono. Son libres de expresar o que senten. Tentaremos facelo o mellor posible tanto en casa como fóra. O sábado tócanos xogar aquí e tentaremos desde o inicio estar a tope e enchufar ao público para que nos axude a conseguir a vitoria".

Apunta que o principal problema do Dépor "son os 29 goles que recibimos. Non pode ser que un equipo que queira estar arriba reciba 29 goles en 14 ou 15 xornadas. Tense que cortar iso xa. Estamos a traballar niso, en facer máis sólidos esa defensa de todo o equipo, que non nos fagan goles con tanta facilidade".

A solución a este problema pasa polo que ordene Luis César: "Diranos como temos que xogar. Se temos que xogar con 2, 3 ou con 8 defensas. O que nos diga é indiscutible. Por algo se lle chama míster. Iremos a matar con el".

Na súa opinión, "temos que evitar pensar que non somos capaces de conseguir a vitoria. Temos cadro suficiente. Algo non estamos a facer ben. O que temos que facer é incidir en que facemos mal, seguir co que estamos a facer ben, que hai cousas que facemos ben aínda que non o pareza. Corrixir eses erros para que chegue esa ansiada vitoria".

Concede Nolaskoain especial valor a que "os 11 que estean no campo teñan as cousas claras, as ideas claras. Se todos imos a unha, o equipo será máis forte, máis compacto. É o que temos que buscar".

Nestes momentos complicados, pide que "os 23 que estamos aquí asumir a nosa responsabilidade, non achacar nada ao de á beira. Asumir os nosos erros e ir todos a un tempo. Coller da man ao que estea á beira e ir cara ao obxectivo que é agora mesmo a vitoria".

Ante o ambiente que rodea ao equipo, o xogador vasco do Dépor confesa que "tento illarme no meu, en axudar ao equipo o máximo posible. Crisparse ou enfurecerse con ese ambiente prexudica a un".

Finalmente, cre que aos afeccionados "sendo pechacancelas con 10 puntos, tampouco podemos darlles explicacións. Xa basta de falar, de dicir o que pensemos. É hora de actuar e por fin deixalo todo no verde para gañar un partido".