RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O apoio da afección vai ser fundamental", advirte Seedorf

Clarence Seedorf compareceu ante os medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O técnico holandés confesou atopar "un grupo con ganas de traballar, con dispoñibilidade que mostrou ao novo corpo técnico. Iso tamén vale para a xente que traballa co Club, moita dispoñibilidade, moita ilusión de traballar xuntos e traballar. Poñer horas para deixar nada. Temos boas sensacións", concluíu.

Preguntado pola afección, comentou o adestrador deportivista que "mostrou o seu afecto ás cores. Iso nunca cambiou. Non creo que teñamos que dicir moitas cousas. Simplemente o grupo merece, polo que eu vin esta semana, o apoio da afección porque son mozos que traballan. Dedicáronse esta semana ao que preparamos. Todo o mundo ten que ter ilusión para cambiar esta páxina rápido, canto antes. É unha ocasión importante para todos. E cando digo todos, digo os xogadores primeiro, para nós como staff técnico, para todo o mundo que traballa no Club e para a afección. Contamos con eles moito". "O apoio da afección vai ser fundamental", insiste.

Advirte Clarence Seedorf que esta primeira cita ante o Real Betis no Estadio ABANCA-RIAZOR (luns 12 de febreiro, 21:00 horas, Gol) "ímolo a facer con orgullo. Entrar no partido con moito orgullo e con moitas ganas de xogar como un equipo".

Do rival, confesa estar "máis preocupado co Dépor. O Betis é un bo equipo, que chega con moito perigo facilmente. Fixeron moitísimos goles, tamén recibiron bastantes. Xoga bastante aberto. Ataca con moitos xogadores porque ten talento e xogadores importantes. Pero impórtame moito como imos entrar nós".

Na súa estrea no banco do Estadio ABANCA-RIAZOR, pide ao seu equipo "ser competitivo, xogar xuntos. Pensar como un equipo. Esa é a primeira cousa que hai que enfocar. Para facer máis cousas necesitamos máis tempo, como todo o mundo pode entender".

Recalca que o seu equipo "é un equipo con valor. A clasificación non reflicte o potencial deste equipo. Hai que volver crer nas súas propias posibilidades. Empezaron a facer isto esta semana. Vimos cousas boas, as ganas de traballar xuntos".

A pesar de que o Dépor, co empate de Las Palmas en Bilbao do pasado venres, arrancará hoxe luns o encontro en penúltimo lugar da clasificación en LaLiga Santander, Seedorf afirma que "non cambia nada. Non falamos ningunha vez da clasificación. Lembrádelo vós todo o tempo. No traballo do fútbol un vólvese tolo se vai mirar constantemente a clasificación. Hai 16 partidos por diante e temos que sacar o máximo de puntos posibles".