RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Aquarium Finisterrae tinguiuse de branquiazul para dar o pistoletazo de saída á campaña #SomosGenteMarinera

O Aquarium Finisterrae acolleu onte, martes 4 de xullo, o acto de presentación dos equipamentos do RC Deportivo para a Temporada 2017-2018, producidos polo novo patrocinador técnico do Club, Macron, ademais da campaña de abonos cara ao novo curso.

Ás 22:00 horas, Tino Fernández dirixiuse aos invitados e aos medios de comunicación na terraza do Aquarium Finisterrae, despois de que o vídeo promocional do primeiro uniforme, que do mesmo xeito que o segundo xa fora lanzado previamente a través das redes sociais, fora emitido a través dunha pantalla.

Rodeado dunha espesa néboa que non quixo perderse un acto tan mariñeiro como esta campaña, o presidente deportivista afirmou que "o que estamos a presentar, está cargado de significado e simbolismo porque hoxe o Dépor dá un paso máis adiante na súa proxección de imaxe, na súa comunicación, na súa capacidade de transmitir todo o que este sentimento significa e na súa relación coa cidade, os seus patrocinadores e os seus seguidores".

O máximo mandatario branquiazul lembrou que a idea foi "homenaxear novamente á afección tras o 'Ti é a nosa historia' da pasada temporada", porque "os xogadores e os directivos estamos de paso" pero con todo "a afección e a súa idiosincrasia permanecen no tempo inquebrantables como as rocas sobre as que estamos agora mesmo."

Tino destacou que o ton azul utilizado no primeiro equipamento "estaba sen definir claramente", pero desde hai dous anos atópase "oficializado na nosa identidade corporativa".

Sobre a campaña de abonos 2017-2018, o presidente branquiazul comunicou que "por cuarto ano consecutivo conxélanse os prezos", o que considera un xesto máis cara á afección deportivista, cara a #anosaforza.

Como parte da campaña de abonos, revelou a recuperación da bancada de Especial Nen@s, "para que os pais poidan permitir aos seus fillos menores de quince anos acudir ao fútbol deixándoos de forma cómoda e segura antes do partido e recolléndoos ao terminar no mesmo lugar."

Tino Fernández desexou "sorte nesta campaña" ao adestrador do primeiro equipo, Pepe Mel, que acudiu ao Aquarium Finisterrae. Igualmente, tivo palabras de agarimo e agradecemento para os diferentes patrocinadores, Estrella Galicia, ABANCA e Luckia, tamén convidados o acto. "É unha honra que os tres sponsors principais do equipo sexan da Coruña", aseverou.

O presidente branquiazul agradeceu a Lotto os seus "oito anos de compañía" e aplaudiu ao novo patrocinador técnico, Macron, cuxo conselleiro delegado, Gianluca Pavanello, estivo presente no Aquarium Finisterrae. "Nace hoxe e ve a luz unha relación moi positiva a nivel económico, de imaxe e de marca, entre o Deportivo e Macron", afirmou.

A gran novidade da presentación foi a proxección do vídeo promocional do terceiro equipamento, que foi lanzado ao mesmo tempo nas redes sociais.

Tino agradeceu ao Concello da Coruña, cuxo Alcalde, Xulio Ferreiro, estivo presente no acto, que permitise celebrar o mesmo nun lugar tan sinalado e tan vinculado a esa camiseta. O terceiro equipamento, chamado Faro, loce a Torre de Hércules na parte dianteira e a caveira de Xerión na traseira.

"Luciremos con orgullo a Torre, a bandeira de Galicia e as cores do mar que desde hai décadas simbolizan o deportivismo por todos os campos do país", dixo antes de engadir que esta campaña é "unha nova mostra de que o Dépor está cada vez máis involucrado se cabe na cidade".

Ao finalizar a presentación, Tino Fernández atendeu aos medios de comunicación presentes, nunha comparecencia na que recoñeceu que o Club fixo efectiva a opción de compra sobre Juanfran.