RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O arquivo fotográfico de Braulio Cucarella, a disposición de todo o deportivismo en "Recordos en Branco e Azul"

O arquivo fotográfico de Braulio Cucarella, atleta e masaxista do RC Deportivo durante varias décadas, atópase a disposición de todo o deportivismo na web "Recordos en Branco e Azul" grazas á cesión dunha vintena de fotografías por parte da súa viúva, Alicia Dans Iglesias.

O Club dixitalizou e documentou polo momento media ducia de imaxes históricas con Braulio e Vicente Cucarella como protagonistas. Braulio Cucarella Mateo, falecido en 2009, era fillo de Vicente Cucarella Borrás (1908-1983), primeiro director técnico das seccións deportivas do RC Deportivo e fisioterapeuta do primeiro equipo de fútbol (1942-1973).

Braulio exerceu labores similares ás do seu pai no RC Deportivo entre 1954 e 1968. Ademais, en 1956 competiu na sección de atletismo do RC Deportivo, participando en probas de velocidade e saltos.

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu granito de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.