RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O ascenso esfumouse na prórroga (1-2)

O Deportivo perdeu a final polo ascenso a Segunda División ante un Albacete Balompié que remontou o tanto de Mario Soriano na primeira parte cun gol no tramo final que forzou a prórroga e con outro nos últimos minutos da segunda parte do tempo extra.

O preparador deportivista, Borja Jiménez, realizou un só cambio no seu once inicial con respecto ao presentado o pasado sábado ante o Linares Deportivo na semifinal. William de Camargo deixou o seu sitio no equipo a Mario Soriano.

Como en toda final, ambos os equipos saltaron ao campo rebosantes de respecto. Nos primeiros minutos ningunha das dúas formacións tomou excesivos riscos, pero aos poucos foi o Dépor o que deu un paso adiante.

O primeiro achegamento protagonizouno o Albacete, nun centro pasado de Fran Álvarez ao que non chegou por pouco Jordi Sánchez. Corría o minuto 11. Os branquiazuis foron facéndose aos poucos con maior tempo de posesión, pero non foi até o minuto 23 canto dispararon a porta por primeira vez. Foi unha cabezada alta de Quiles nunha falta lateral colgada por Juergen Elitim.

A partir dese momento o Dépor aumentou a súa presión en bloque alto, poñendo ao seu rival en moitos apretos na saída do balón. No minuto 25, unha recuperación acabou nun centro de Antoñito ao segundo pau, deixada de cabeza de Miku e remate de volea coa esquerda de Mario Soriano por riba do traveseiro. Un minuto despois, o Deportivo adiantouse no marcador. Juergen anticipouse a un pase entre dous xogadores do Albacete en campo contrario e o seu toque caeu a pés de Miku. O internacional venezolano devolveulla de primeiras de cara e, tamén de primeiras, o colombiano asistiu en profundidade a Mario Soriano. O rapaz, decisivo na semifinal coa súa aparición tralo descanso, definiu con clase e amorne picando a pelota sobre a saída aos seus pés de Bernabé.

O gol deu a sensación de deixar aparvado ao Albacete, que seguiu cometendo imprecisións na saída do balón desde a súa defensa. O Dépor, con todo, non sacou proveito de varias desas accións. Os branquiazuis gozaron doutra oportunidade clara no minuto 37. Quiles, lanzado en profundidade por Álex Bergantiños, sacou un pase raso buscando a Miku no primeiro pau, onde o suave toque de calcaño do '7' tapouno ben o gardameta manchego. O conxunto albaceteño respondeu no minuto 41, cun trallazo raso de Riki desde 25 metros, durísimo pero centrado e capturado con seguridade por Mackay.

Nos instantes finais da primeira metade, o conxunto coruñés dispuxo de tres saques de esquina consecutivos, mesmo nun deles atacando a área con nove futbolistas, pero a defensa manchega conxurou o perigo no tres acciones.

O Albacete deu un paso adiante nos primeiros compases da segunda metade. Froito diso, no minuto 48 Rubén Martínez cabeceou no segundo pau por encima de Héctor Hernández, poñendo a proba a un Mackay que sacou o coiro coa palma da súa man a córner. O Dépor non tardou en responder, no minuto 49 nun rápido ataque que acabou cun balón solto na frontal da área, onde Juergen Elitim disparou moi preto da base do poste esquerdo da portería contraria.

Fran Álvarez disparou moi alto de desde fóra da área no minuto 63 e pouco despois, no 70, o Dépor tivo unha gran oportunidade para abrir brecha no marcador. Un contragolpe finalizado con centro-chute de Juergen Elitim á área pequena rexeitouno un defensa e Héctor Hernández non foi capaz de remachar, disparando fóra. A resposta do Albacete chegou no minuto 73, cun zurdazo afastado de Rubén Martínez buscando a base do pau dereito da portería coruñesa lixeiramente desviado.

A falta de oito minutos para o final, o conxunto manchego logrou o tanto do empate, nunha falta lateral colgada á área que Alberto cabeceou lonxe do alcance de Mackay. O Albacete aproveitou a inercia positiva e o Dépor acusou o golpe. Até o asubío final, o conxunto albaceteño controlou o partido e planeou continuamente a área deportivista.

O tempo extra foi outro cantar. Os branquiazuis volveron tomar o mando das operacións. Na primeira metade da prórroga, as únicas ocasións foron do Dépor. Aos dous minutos, Rafa de Vicente disparou moi alto desde a frontal da área após unha recuperación de Álex Bergantiños en campo contrario. No minuto 98 produciuse a máis clara, nunha gran acción de todo o ataque deportivista, en especial de Miku, que acabou coa chegada de Antoñito completamente só pola dereita da área. O disparo do lateral rexeitouno Bernabé coas súas pernas. Pouco antes do intermedio, Álvaro Rey lanzou directamente a portería unha falta case na liña de fondo. O porteiro do conxunto albaceteño despexou de puños.

Con todo, mediada a segunda metade da prórroga, o Albacete anotou o tanto da vitoria, ao cabecear Jordi Sánchez un centro desde a dereita. O Deportivo tentouno con todo nos minutos finais e o tempo engadido pero non conseguiu o tanto do empate que valería o ascenso.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Jaime (Borja Granero, min. 101), Héctor Hernández (Diego Aguirre, min. 115), Diego Villares (Noel, min. 115), Álex Bergantiños, Juergen Elitim (William, min. 81), Quiles (Álvaro Rey, min. 81), Miku e Mario Soriano (Rafa de Vicente, min. 69).

Albacete Balompié: Bernabé, Emmanuel (Llinares, min. 81), Djetei, Boyomo, Julio Alonso, Fran Álvarez (Montes Arce, min. 96), Riki (Alberto, min. 64), Manu Fuster, Kike Márquez (Sergi, min. 89), Rubén Martínez e Jordi Sánchez.

Goles: 1-0 Mario Soriano (min. 26); 1-1 Alberto (min. 82); 1-2 Jordi Sánchez (min. 113).

Árbitro: Andrés Fuentes Molina (c. valenciano). Cartón amarelo a Rubén Martínez (min. 5), Emmanuel (min. 21), Héctor Hernández (min. 79), Julio Alonso (min. 103) e Antoñito (min. 107).

Incidencias: partido correspondente á final do playoff de ascenso a Segunda División disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 27.215 espectadores, ao redor dun milleiro do Albacete Balompié.