RCD / NOVAS

O Benxamín B conquista a Barrinha International Cup ante os mellores equipos de Portugal

27/06/2017 13:43

O Benxamín B triunfou a pasada fin de semana na localidade portuguesa de Esmoriz (25 quilómetros ao sur do Porto), onde conquistou a Barrinha International Cup 2017 ante os mellores equipos do país veciño.

O conxunto deportivista chegaba en gran momento de forma, pois acababa de proclamarse, a fin de semana anterior, campión do Torneo Vila das Pontes e subcampión do Trofeo Concello de Boiro.

O cadro que dirixe David Lagar demostrouno tamén en Portugal. Tras superar na primeira fase ao FC Cortegaça (6-1), ao CD Feirense (5-2) e ao equipo da academia do FC Porto (4-2), caeu ante o SL Benfica (5-2). O equipo branquiazul concluíu deste xeito na segunda posición do grupo B, só superado polo cadro lisboeta.

En cuartos de final, os deportivistas arroiaron ao outro gran equipo da cidade do Porto, o Boavista FC (5-0). En semifinais tomáronse cumprido desquite do Benfica, ao que eliminaron por penaltis (3-2) tras o 3-3 co que finalizou o encontro.

Na final, disputada no Estádio da Barrinha contra o outro dos tres grandes do fútbol portugués, o Sporting de Lisboa, o conxunto branquiazul impúxose por 3-1. Diego, con 9 goles, foi o máximo anotador da formación deportivista.

Os resultados do Benxamín B foron os seguintes:

Primeira Fase
Venres 23 de xuño
FC CORTEGAÇA 1 - BENXAMÍN B 6 (Diego -3-, Yago, Íker e Raúl)
BENXAMÍN B 5 (Diego -2-, Raúl, Marco e Anxo) - CD FEIRENSE 2

Sábado 24 de xuño
FC PORTO DRAGON FORCE VITALIS 2 - BENXAMÍN B 4 (Anxo -2-, Diego e Isma)
SL BENFICA 5 - BENXAMÍN B 2 (Diego e Isma)

Cuartos de final
BENXAMÍN B 5 (Pablo, Xabi, Diego -2- e Yago) - BOAVISTA FC 0

Domingo 25 de xuño
Semifinal
BENXAMÍN B 3 (Nico -2- e Raúl) - SL BENFICA 3. Por penaltis: 3-2

Final
BENXAMÍN B 3 (Pablo, Anxo e Eder) - SPORTING CP 1