RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

O CEIP Arteixo descubriu ABANCA-RIAZOR grazas a 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis'

Preto de 80 estudantes de 6º de Primaria do CEIP Arteixo gozaron na mañá de hoxe dunha nova xornada de 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis', no inigualable marco do Estadio ABANCA-RIAZOR. Ademais, os rapaces puideron compartir boa parte da mañá con Nuria e Érika, xogadoras do Deportivo ABANCA, e Mario Losada, futbolista do Fabril.

Os alumnos gozaron dunha visita guiada polas dependencias interiores de ABANCA-RIAZOR. Posteriormente, recibiron unha charla sobre a historia do Dépor a cargo do xornalista de La Opinión de A Coruña Carlos Miranda, autor do libro '110 % Blanquiazul', apoiado no arquivo recompilado polo exconselleiro Pachy Dopico e que conta coa revisión e autorización por parte do RC Deportivo.

Todos viviron con ilusión a sorpresa da aparición dos tres futbolistas branquiazuis, que contestaron as preguntas dos pequenos, asináronlles postais dedicadas e mesmo algunhas camisetas. A xornada finalizou coa habitual foto de familia a pé de campo.

A experiencia branquiazul destes rapaces terá continuidade nun partido ligueiro do Dépor en ABANCA-RIAZOR. O Club regala unha entrada dobre a cada un deles.