RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

O CEIP Emilia Pardo Bazán coñeceu ABANCA-RIAZOR nunha nova xornada de 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis'

Case 80 alumnos de 6º de Primaria do CEIP Emilia Pardo Bazán gozaron na mañá de hoxe dunha nova e inesquecible xornada de 'Os Nosos Valores-Escolas 110 % Branquiazuis', no inmellorable escenario do Estadio ABANCA-RIAZOR. Ademais, os rapaces puideron compartir boa parte da mañá con Cris e Silvia Mérida, xogadoras do Deportivo ABANCA, e Martí Vilà, futbolista do Fabril.

Os alumnos gozaron dunha visita guiada polas dependencias interiores de ABANCA-RIAZOR. Posteriormente, recibiron unha charla sobre a historia do Dépor a cargo do xornalista de La Opinión de A Coruña Carlos Miranda, autor do libro '110 % Blanquiazul', apoiado no arquivo recompilado polo exconselleiro Pachy Dopico e que conta coa revisión e autorización por parte do RC Deportivo.

Finalmente, todos viviron con ilusión a sorpresa da aparición dos tres futbolistas branquiazuis, que contestaron a todas as preguntas dos pequenos, asináronlles postais dedicadas e mesmo algunhas camisetas. A xornada finalizou coa foto de familia a pé de campo.

A experiencia branquiazul destes rapaces terá continuidade no partido ligueiro do Dépor en ABANCA-RIAZOR fronte ao Real Zaragoza, correspondente á 19ª xornada de LaLiga SmartBank, o domingo 8 de decembro ás 16:00 horas. O Club regala unha entrada dobre a cada un deles.