RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA afronta o partido de mañá en Sevilla ante o Real Betis "con todas as da lei pero sen ningunha presión"

O Dépor ABANCA afronta "con todas as da lei pero sen ningunha presión", tal e como explicou Manu Sánchez esta mañá en rolda de prensa, a visita ao Real Betis de mañá sábado 19 de xuño (11:00 horas, #Vamos) no Municipal Felipe del Valle de Sevilla. O choque corresponde á 33ª xornada (penúltima) na Primera Iberdrola.

"Imos gozar o partido de mañá como equipo e imos ver se podemos gozar máis o último partido aquí", comenta o técnico deportivista en referencia ao encontro ante o Athletic Club do domingo 27 ás 12:00 en Abegondo, na última xornada de liga.

Antes de partir á capital andaluza, Manu Sánchez dirixiu un último adestramento na Cidade Deportiva de Abegondo, o primeiro destes case quince días de traballo con todas as súas xogadoras a pleno rendemento.

A longo desta semana fóronse incorporando as tres internacionais que tiveron partido coas súas respectivas seleccións na esta última data FIFA. Noelia Bermúdez e Stephannie Blanco aterraron onte xoves pola mañá no Aeroporto da Coruña desde a concentración de Costa Rica. Ambas as futbolistas adestráronse pola tarde en Abegondo pero con tarefas de recuperación despois dunha longa viaxe transoceánica e, no caso de Stephannie Blanco, após xogar de titular dous partidos ante Guatemala, aínda que non completos.

A outra internacional absoluta do vestiario do Deportivo ABANCA, Athenea del Castillo, regresou o pasado mércores pola mañá á Coruña e sumouse pola tarde aos adestramentos.

Mañá en Sevilla só vale a vitoria branquiazul para chegar á última xornada da Primera Iberdrola con opcións de lograr a salvación. A falta de dúas xornadas para o final de liga, é dicir, seis puntos en xogo, as verdibrancas, que agora mesmo marcan a permanencia, teñen 31 puntos por 26 as branquiazuis.

Para esta cita, son baixa por lesión Carolina Arbeláez e a coruñesa Carlota, que arrastra molestias nun xeonllo. Patri López, Eva Dios e María Figueroa son as tres canteirás na lista de 18 xogadoras.

O Deportivo ABANCA viaxa este mediodía en avión desde o Aeroporto da Coruña e regresa por estrada nada máis concluír o partido. O plan de viaxe é o seguinte:

Venres 18 de xuño
13:30: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto de Sevilla
14:35: Chegada aproximada ao Aeroporto de Sevilla e traslado ao hotel AC Ciudad de Sevilla

Sábado 19 de xuño
11:00: Real Betis - Deportivo ABANCA, no Municipal Felipe del Valle de Sevilla
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

O domingo 20 de xuño haberá xornada de descanso para o cadro branquiazul, que retomará os adestramentos o luns 21 ás 16:30 na Cidade Deportiva.