RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA busca facer valer mañá sábado en Eibar as boas sensacións do último amigable

O Deportivo ABANCA buscará mañá sábado 5 de decembro ante a SD Eibar (12:00 horas), en partido correspondente á 10ª xornada na Primera Iberdrola, facer valer as boas sensacións do pasado sábado no amigable ante o Viajes InterRías FF, resolto con clara goleada deportivista: 10-0.

De feito, Manu Sánchez en rolda de prensa manifestou que ese partido "foi solicitado polo InterRías FF. Temos moi boa relación con eles. Encaixábanos ben na semana de preparación. Habemos visto que foi positivo sobre todo nalgunhas xogadoras para recuperar confianza, cousas que se cadra parecía que non se atrevían a facer. Ese partido en Abegondo, que facía tempo que non xogabamos aquí, a nivel mental foi moi positivo. Aproveitar para ver a xogadoras que están a dispoñer de menos minutos, ver en que estado están ante un rival de inferior categoría pero que veu aquí a expoñer o seu fútbol".

Para este reencontro coa Primera Iberdrola, o adestrador branquiazul conta coas baixas por lesión de Esther Sullastres, "que xa levaba varias semanas arrastrando un problema no ombreiro un pouco complicado"; e Kenni, "cun problema muscular na cadeira", segundo explicou ante os medios. A gardameta do Deportivo ABANCA B Jessica é a novidade na convocatoria.

En Unbe, as deportivistas atoparanse mañá con choiva, vento e frío debido ao temporal que azouta a península estes días. Esta mañá, tamén baixo unhas duras condicións meteorolóxicas, o Deportivo ABANCA adestrouse por última vez no campo do Monte de San Tirso, de céspede sintético do mesmo xeito que o terreo de xogo eibarrés.

O Deportivo ABANCA desprázase por estrada hoxe venres e regresa mañá sábado tralo partido. O plan de viaxe é o seguinte:

Venres 3 de decembro
13:00: saída en autocar a Eibar
20:00 (horario aproximado): Chegada ao Hotel Unzaga de Eibar

Sábado 4 de decembro
12:00: SD Eibar - Deportivo ABANCA, en Unbe
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña