RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA comeza o ano con derrota en Barcelona (2-0)

O Dépor ABANCA perdeu o seu primeiro partido do ano 2022 esta mañá en Sant Adrià de Besòs, fronte a outro dos grandes candidatos ao ascenso, un RCD Espanyol que levou a vitoria grazas a dous tantos da súa última fichaxe, a veterana Adriana Martín.

A primeira metade tivo ao Dépor ABANCA como principal dominador, tanto territorialmente como a nivel de posesión, e mesmo de oportunidades de gol.

O choque comezou con polémica, posto que no minuto 2 a colexiada non castigou como penalti unha clara man na área de Xènia após unha chegada á liña de fondo de María Ruiz. Dous minutos despois, Laura Fernández cabeceou un centro de Ainhoa Marín a mans de Myllyoja.

Se o Deportivo ABANCA demostrou de saída que quería os tres puntos, o Espanyol non tardou en deixalo claro. No minuto 5, Nadezhda Karpova rematou ás nubes coa dereita, no punto de penalti, un centro raso da colombiana Daniela Caracas desde o extremo dereito. No minuto 12, a dianteira rusa disparou de socato dentro da área, Ana Valles repeleu a pelota e esta caeulle a Adriana Martín, que marcou a porta baleira. A dianteira turolense de 35 anos celebrou así o seu recente regreso ao conxunto barcelonés, após abandonar a SS Lazio.

Non transcorreran dous minutos cando o Dépor ABANCA estivo a piques de empatar, nunha cabezada de Andrea Sierra que se perdeu rozando o pau.

Manu Lareo pifiou un claro remate coa esquerda dentro da área no minuto 20. A pelota perdeuse mansamente pola liña de fondo. Dous minutos despois, un barullo na área pequena local, con diversos remates e rexeites, acaba coa pelota en mans da gardameta finlandesa do RCD Espanyol.

Recentemente superado o ecuador do primeiro período, o Dépor ABANCA dispuxo de dúas claras oportunidades. A primeira, en botas de María Ruiz, que rematou no punto de penalti unha xogada ensaiada nunha falta lateral lanzada por Paula Gutiérrez. Myllyoja despexou o disparo da dianteira malagueña. Acto seguido, un fantástico disparo con efecto coa esquerda de Alejandra Serrano, desde fóra da área, estrelouse no traveseiro.

O resto da primeira metade perdeuse en continuos paróns no xogo, produto do tremendo ímpeto co que se empregaron todas as xogadoras, especialmente as do equipo dirixido por Rubén Casado, que cometeu máis dunha ducia de faltas nos primeiros 45 minutos.

Na segunda metade, o Dépor ABANCA non atopou a maneira de romper a tea de araña dun conxunto local que tivo de novo na recentemente chegada Adriana Martín á súa xogadora máis perigosa.

No minuto 51, a veterana dianteira tentou sorprender de lonxe cunha vaselina a Ana Valles pero o esférico foise á esquerda da portería herculina. A mesma acción probou no minuto 70, após roubar en campo coruñés. Esta vez o balón foise por riba do traveseiro.

Con escasa fluidez na circulación do balón por parte de ambos os equipos, as únicas oportunidades chegaron para o equipo local, que cando recuperaba trataba de sorprender con velocidade. As barcelonesas caeron constantemente en fóra de xogo, pero as poucas veces que non o fixeron quedaron moi preto do gol.

Miguel Llorente tratou de dar un xiro cambiando ao eixo do ataque, introducindo a Aroa Guerra e Eva Dios en lugar de Laura Fernández e Alejandra Serrano. Pouco despois, Goretti substituíu a Andrea Sierra, pasando Patri López, até entón lateral esquerda, ao costado dereito

Co Deportivo ABANCA envorcado, pero sen ser capaz de poñer a proba a Myllyloja, un contragolpe levado pola dereita por Judit Pablos acabou cun servizo ao punto de penalti, onde chegou Adriana Martín para bater comodamente a Ana Valles, sentenciando o choque co segundo gol da súa conta particular.

Con esta derrota, a segunda da temporada trala sufrida na visita ao DUX Logroño, o Dépor ABANCA mantense con 31 puntos, aínda líder aínda que resta por disputarse o resto da xornada e o FC Levante Levante Las Planas conta con 30 puntos.

RCD Espanyol: Myllyoja, Caracas, Xènia, Laia, Sara (Júlia Guerra, min. 79), Carol, Nayadet Opazo, Adriana Martín, Baudet, Manu Lareo (Judit Pablos, min. 59) e Karpova (Szymanowski, min. 50).

Deportivo ABANCA: Ana Valles, Andrea Sierra (Goretti, min. 65), Inés Altamira, Raquel García, Patri López, Paula Gutiérrez, Jone Ibáñez, Ainhoa Marín, Alejandra Serrano (Eva Dios, min. 55), María Ruiz e Laura Fernández (Aroa Guerra, min. 55).

Goles: 1-0 Adriana Martín (min. 12); 2-0 Adriana Martín (min. 88).

Árbitro: Andrea Salvador Sánchez (c. catalán). Cartón amarelo a Nayadet Opazo (min. 13), Karpova (min. 40), Paula Gutiérrez (min. 42), Ainhoa Marín (min. 67) e Caracas (min. 87).

Incidencias: partido da 13ª xornada de Reto Iberdrola disputado na Ciutat Esportiva Dani Jarque, en Sant Adrià de Besòs (Barcelona).