RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA, con tres baixas, cítase ao fin co Rayo Vallecano este domingo en Madrid

O Deportivo ABANCA mídese ao Rayo Vallecano este domingo 28 de febreiro ás 12:00 na Ciudad Deportiva Fundación Rayo Vallecano coas baixas de Noelia Villegas, sancionada pola súa expulsión no último partido disputado ante o Real Betis; e de Carolina Arbeláez e Lady Andrade, lesionadas. "Carolina segue aí o tratamento cos médicos e Lady continúa con molestias despois desa contusión que tivo no xeonllo", explicou esta tarde Manu Sánchez en rolda de prensa.

Pola súa banda, as canteirás Eva Dios e María Figueroa repiten na lista de convocadas, a falta dunha última sesión mañá sábado.

O partido entre rayistas e deportivistas corresponde á 7ª xornada e foi aprazado o 5 de novembro e o 13 de xaneiro en ambos os casos por COVID-19. De feito, ambos os equipos volveranse a ver as caras en Abegondo en dúas ou tres semanas, xa no choque correspondente á segunda volta da competición. "Son os caprichos deste calendario que estamos a sufrir co tema do coronavirus", apunta neste sentido o técnico coruñés.

O Deportivo ABANCA varía a súa folla de ruta semanal e mañá sábado, antes de viaxar por estrada a Madrid, cambia o escenario do adestramento que arranca ás 10:00. Manu Sánchez traballará no campo de herba artificial do Monte, en San Tirso, para adaptarse á tamén superficie sintética do escenario do encontro ante o Rayo Vallecano.

Non é a primeira vez que o corpo técnico do Deportivo ABANCA esta temporada adopta esta estratexia, sempre en función do tipo de céspede do rival. De feito, o adestrador branquiazul lembra que "paradoxalmente levamos máis puntos en campos de herba artificial que en natural esta temporada. Non podo dicir aquí que nos veña nin ben nin mal. Máis que céspede artificial, o problema que ten a Ciudad Deportiva do Raio son as dimensións do campo: excesivamente reducido, aberto ao aire... Un campo complicado pero igual para os dous rivais. Non debería ser unha escusa", comenta Manu Sánchez.

O equipo branquiazul ten esta folla de ruta:

Sábado 27 de febreiro
10:00: Adestramento no campo do Monte (San Tirso)
12:30: Saída en autocar a Madrid
19:30 (horario aproximado): Chegada ao Hotel AC Atocha en Madrid

Domingo 28 de febreiro
12:00: Rayo Vallecano - Deportivo ABANCA, na Ciudad Deportiva Fundación Rayo Vallecano
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña