RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA conta con #ANOSAFORZA para tombar mañá en Abegondo ao Sporting Huelva

A presenza na bancada de Abegondo de #ANOSAFORZA será o impulso para o Dépor ABANCA de cara ao partido de mañá mércores (18:30, #Vamos) ante o Sporting Huelva correspondente á xornada 17ª e aprazado no seu día por COVID-19.

Para recibir ao Sporting Huelva, Manu Sánchez perde por lesión a Noelia Villegas, con molestias nun aductor; Carolina Arbeláez e Lady Andrade. As canteirás Eva Dios e María Figueroa repiten na citación do Dépor ABANCA. E a elas únese outra promesa do B, Tati.

Tal e como estableceron as autoridades sanitarias, 150 deportivistas poderán animar ás xogadoras branquiazuis nun partido para romper a serie negativa dos últimos choques.

O Club lembra aos afeccionados que antes de desprazarse a Abegondo deben comprobar se poden viaxar até as instalacións desde os seus lugares de residencia.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos localizados en caso de rastrexo por COVID-19.

Tamén por protocolo COVID, cada asistente deberá pasar un control de temperatura, higienizar as súas mans, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada no punto de control de accesos (estará identificada cun adhesivo verde de ASENTO DISPOÑIBLE) e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños. Non haberá servizo de bar nin está permitido introducir e consumir alimentos ao interior da Cidade Deportiva), respectando en todo momento a distancia de seguridade de 1,5 metros nos controis de acceso e durante a permanencia no interior da instalación.

Unha das capitás, Patri López, admitiu onte en rolda de prensa que será un aliciente "porque a temporada pasada foi #ANOSAFORZA quen nos fixo gañar moitos partidos. Estamos a botalos moi en falta. A afección deportivista é unha das mellores do mundo e estamos a desexar que volvan outra vez a levarnos polo aire".

Concluído o partido ante as andaluzas, o Deportivo ABANCA ten o xoves xornada de descanso. O equipo regresa aos adestramentos o venres ás 17:30 na Cidade Deportiva.