RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA continúa a súa marcha triunfal en Abegondo (4-0)

O Deportivo ABANCA recuperou o pulso da Primeira Federación FutFem cunha clara e incontestable vitoria ante o UD Granadilla Tenerife B, fraguada nunha fantástica primeira metade na que perforou a meta visitante en tres ocasiones, tantas como Carlota Suárez á conclusión do encontro.

Trala derrota da pasada xornada ante o FC Barcelona B, as branquiazuis retomaron marcha triunfal en Abegondo, onde lograron 5 vitorias e 1 empate en 6 partidos e onde só recibiron un tanto.

O partido comezou como se desenvolveu na súa práctica totalidade, co xogo nunha soa dirección, a da portería do conxunto tinerfeño.

No minuto 2, unha gran intervención da austríaca Andrea Gurtner evitou o primeiro tanto deportivista nun dereitazo de Ainhoa Marín. O balón saíu a córner, moi preto do traveseiro. Charle cabeceou frouxo un centro de Ainhoa Marín no minuto 5. No 7 foi quenda de Cris Martínez, cuxo disparo en posición vantaxosa dentro da área foise moi desviado despois dun pase atrás de Ainhoa Marín. E no 11, as deportivista atopáronse coa madeira en dúas ocasións na mesma acción. Inés rematou ao poste co seu pé dereito un córner pasado ao segundo pau, o rexeite caeu a Charle que disparou con forza, o coiro rozou nunha defensa e foi parar á cabeza de Eva Dios, cuxa cabezada se topou co traveseiro.

Ao cuarto de hora de xogo produciuse outra clara dobre ocasión. Un pase á área pequena de Eva Dios que despexou en curto a zaga visitante e, após un rexeite, acabou rematando desde o punto de penalti, á dereita da portería tinerfeña, Cris Martínez.

Foi o preludio do primeiro tanto, no minuto 17. Ainhoa Marín xogou un córner en curto para Henar, esta cedeu á súa dereita para Paula Gutiérrez e a catalá, desde 25 metros, debuxo unha parábola imposible para Gurtner, introducindo a pelota no recanto contrario.

Dez minutos despois, no 28, chegou o 2-0. Guntner derrubou a Carlota Suárez, que buscaba un longo balón en profundidade de Charle. A colexiada sinalou penalti, que o transformou a propia dianteira pontevedresa enganando á gardameta.

Após disparos desviados de Eva Dios, por riba do traveseiro, e de Raquel García, cun lanzamento bombeado tralo rexeite dun córner lanzado por Henar, sobre a bucina chegou o 3-0. Un centro de Charle desde a esquerda cabeceouno Carlota Suárez onde pacen as vacas. A colexiada sinalou o camiño dos vestiarios nada máis reiniciarse o xogo desde o centro do campo.

A segunda metade tamén arrancou cun Dépor ABANCA moi vertical. Non transcorrera nin un minuto cando Charle centrou raso desde o extremo esquerdo e o esférico paseouse por toda a área pequena sen que ninguén contactase con el.

Con todo, as pupilas de Irene Ferreras contemporizaron máis a partir de entón, mantendo o total control do encontro aínda que chegando á portería contraria en moitas menos oportunidades.

Ainhoa Marín puido aumentar a vantaxe deportivista no minuto 57, cando disparou raso desde fóra da área após un slálom de Samara. Gurtner atallou o coiro con seguridade.

Á hora de xogo, a colexiada anulou un tanto ao UD Granadilla Tenerife B nun libre indirecto na área deportivista. As canarias sacaron rápido e levaron a pelota ao fondo das mallas por medio de Ainhoa, pero a árbitra decidiu anular a acción. Na xogada válida, inicialmente disparou con dureza Isa Álvarez e rexeitou até en tres ocasiones a defensa deportivista.

No minuto 68, Carlota Suárez chegou con claridade pola dereita da área rival pero preferiu buscar a chegada desde atrás de Paula Gutiérrez no canto de rematar. A defensa canaria afastou o perigo. Acto seguido, un canonazo de Charle perdeuse á dereita da portería. A soriana volveu tentalo dous minutos despois, co mesmo resultado.

Xa cando o partido expiraba, Carlota Suárez roubou a pelota a Tati Cruz, á que se lle foi o control dun pelotazo longo de Inés Altamira, correu cara á meta canaria e bateu a Gurtner no man a man para completar o seu hat-trick e pechar o marcador.

Con esta vitoria, a quinta en seis partidos en Abegondo, onde suma 16 puntos de 18 posibles e só encaixou un gol, o Dépor ABANCA alcanza os 20 puntos para manterse na zona nobre da táboa de Primera Federación FutFem.

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez (Lorena Reina, min. 61), Inés Altamira, Raquel García, Samara (Patri López, min. 61), Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Letti, min. 75), Eva Dios (Aroa Guerra, min. 46), Charle (Sara Navarro, min. 75) e Carlota Suárez.

UD Granadilla Tenerife B: Gurtner, Porto, Vero Herrera, Isa Álvarez, Lara Loreno (Ana Fernández, min. 46), Berta (Tati Cruz, min. 80), Encarni, Moneyba (Arminda, min. 73), Aithiara (Lara González, min. 73), Eulalia e Giovaninha (Ainhoa, min. 46).

Gol: 1-0 Paula Gutiérrez (min. 17); 2-0 Carlota Suárez, de penalti (min. 28); 3-0 Carlota Suárez (min. 45); 4-0 Carlota Suárez (min. 89).

Árbitra: Coral Couso Cuadrado (c. catalán). Cartón amarelo a Gurtner (min. 28), Encarni (min. 69), Letti (min. 80) e Isa Álvarez (min. 90+2).

Incidencias: partido da 10ª xornada de Primera Federación FutFem disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.