RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA desaproveita a primeira oportunidade da semana (3-1)

O Dépor ABANCA afrontaba unha boa oportunidade de recortar distancias na zona de perigo da clasificación nun partido que debía disputarse o pasado mes de novembro, correspondente á sétima xornada do campionato. Con 14 xogadoras do primeiro cadro á súa disposición, Manu Sánchez situou no lateral dereito a Patri López pola sancionada Noelia Villegas e a Michelle Romero pola lesionada Lady Andrade nos dous cambios iniciais do encontro respecto da anterior cita branquiazul.

O partido arrincou con susto. No primeiro minuto o un para un de Bulatovic contra Sullastres, após recibir un balón entre liñas, levoullo a gardameta branquiazul. No seguinte ataque, o primeiro visitante, Athenea logrou forzar o primeiro saque de esquina do partido. Non chegou a oportunidade após esa xogada e houbo que esperar pola primeira ao minuto 7 no que Peke rematou alto o servizo de Michelle Romero nunha das ocasións máis claras do Dépor ABANCA no encontro.

Após case media hora sen chegadas meridianas en ningunha das áreas, dúas faltas na frontal complicaron o partido ás deportivistas. A primeira colgada sen consecuencias, pero noutra similar, xusto a continuación, cunha mellor posición de tiro, Paula Fernández non perdoou o disparo directo e anotou polo recanto o golazo que adiantaba ás rayistas no marcador.

Tentou responder de inmediato o Dépor ABANCA con dous atques seguidos protagonizados por Michelle Romero: un disparo cruzado e posteriormente un centro que a punto estivo de coar en propia portería o Rayo. A insistencia das nosas como resposta ao tanto local tivo o seu premio no minuto 37 cun roubo que recibiu Gaby e que, acomodándose a bola, respondeu cun gol espectacular para pór as táboas no marcador.

O Dépor ABANCA reaccionou inmellorablemente ao tanto local e dominou o partido até o descanso, non só anotando senón xogando con máis soltura que ao principio do encontro. A pesar diso o Rayo puido anotar nun balón de Tere que acabou estrelándose no pau.

Após o descanso o equipo local saíu con decisión na busqueda de adiantarse por segunda vez no marcador. Nada máis renovarse o partido, Sullastres tivo que intervir para desviar a corner ou ver como un disparo de Elena marchábase preto do traveseiro. Non se completaron 10 minutos da segunda parte cando un centro de Tere por banda dereita atopou o remate de Bulatovic de cabeza para pór o 2-1. A dianteira rayista estivo, instantes despois, a piques de pór o terceiro nun disparo similar ao que supuxera o gol de Gaby na primeira parte.

O Dépor ABANCA tratou de reaccionar con varias chegadas, como a de Athenea que acabou estrelando o balón no lateral da portería. Non perdoou o Rayo a sentenza a 15 minutos do final con outro golazo, neste caso por mediación de Sheila. Só Gaby após peitear Blanco, dispuxo dunha ocasión que se marchou alta para anotar un gol que tería resultado insuficiente ante o acerto de cara a portería das locais.

Case sen tempo para descansar, as nosas afrontan o mércores outro partido decisivo en Abegondo fronte ao Sporting Huelva (18:30 h.).

Rayo Vallecano Feminino: Larqué, Pilar García, Paula Fernández, Tere (Patri Hidalgo, min. 82), Sheila (Yasmine, min.. 82), Bulatovic, Auñón, Elena (Isadora, min. 74), Aedo (Zaira, min. 74), Sáez (Andújar, min. 12) e Struck

Dépor ABANCA: Sullastres, Cris, Iris, Blanco, Patri López (Helena, min. 77), Ainoa, Alba (María Figueroa, min. 85), Gaby, Michelle (Eva Dios, min. 71), Athenea e Peke

Goles: 1-0 Paula Fernández (min. 26); Gaby (min. 37); Bulatovic (min. 54); 3-1 Sheila (min. 77)

Árbitra: Cebollada López (c. Valenciano). Amoestou a Aedo (min. 62)

Incidencias: partido aprazado da xornada 7 de Primera Iberdrola celebrado no campo 4 da Cidade Deportiva Fundación Rayo Vallecano a porta pechada