RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA, fóra dos cuartos de final do I Torneo Nacional Femenino LaLiga Promises após empatar co Levante UD

Onte venres 21 de xuño arrancou na Cidade Deportiva de Abegondo a histórica primeira edición do Torneo Nacional Femenino LaLiga Promises, que se celebrará nas instalacións do RC Deportivo até mañá domingo 23.

LaLiga, no seu apoio e impulso ao fútbol feminino, creou a primeira edición dun torneo que é xa un clásico no fútbol base masculino: LaLiga Promises. Este torneo, que servirá de escaparate para as mellores canteiras de nenas do país, é unha ferramenta máis na visibilización do fútbol feminino e unha aposta máis de LaLiga polo crecemento do fútbol feminino a todos os niveis.

Son 14 equipos de categoría sub-12 os que participan nun torneo para a posteridade. Representan a 12 dos 16 clubs que competirán na Liga Iberdrola 2019-2020 e ás 2 entidades que perderon a súa praza na máxima categoría á conclusión do curso 2018-19: Málaga CF e Fundación Albacete Balompié.

Entre os participantes está o Deportivo ABANCA, formado por unha selección de xogadoras galegas grazas á colaboración de diversos clubs que as cederon exclusivamente para este torneo.

O conxunto deportivista compono as seguintes 12 xogadoras: Sara Domínguez, Uxía López y Maca González (Orzán SD), Antía Mayo (ADC Cruído, de Lousame), Elena Vázquez (EF Luis Calvo Sanz), Noa García (Victoria FC, de Santiago de Compostela), Aitana Vellón (CCRD Perlío), Abril Pazos (ED Xuventude Oroso), Laura Santos (Xuventú Aguiño), Lucía Rivas (Atlético Cuntis), Olivia Saavedra (SDCyR Narón O Freixo) e Yaiza García (Atlético Riveira).

O equipo, dirixido por Kevin Cabado (técnico do Dépor ABANCA B), Aitor Prieto (segundo adestrador do Dépor ABANCA), Laura Mosquera e Diego Sánchez (ambos os preparadores no Orzán SD), pechou a súa participación no Grupo B fronte ao Levante UD, ao que necesitaba derrotar para coarse nos cuartos de final. Pese ao constante dominio das branquiazuis, non conseguiron perforar a meta rival. O empate sen goles, unido á posterior vitoria do Madrid CFF fronte ao Sevilla FC (5-0), deixounas fóra das eliminatorias.

Estes foron os resultados do Deportivo ABANCA no Torneo LaLiga Promises:

Primeira fase
Venres 21 de xuño
MADRID CFF 3 - DEPORTIVO ABANCA 0
DEPORTIVO ABANCA 1 (Abril) - SEVILLA FC 0

Sábado 22 de xuño
DEPORTIVO ABANCA 0 - LEVANTE UD 0

A clasificación do grupo quedou da seguinte forma: 1. Madrid CFF, 7 puntos; 2. Levante UD, 5 puntos; 3. Deportivo ABANCA, 4 puntos; 4. Sevilla FC, 0 puntos.

Os cuartos de final dispútanse esta tarde (entre 15:00 e 16:30 horas). Mañá domingo terán lugar as semifinais (10:00 e 11:00 horas) e a gran final (13:00 horas).

Todos os encontros xóganse no campo principal da Cidade Deportiva de Abegondo, adaptado para fútbol 7 para a ocasión cunhas medidas de 65 por 45 metros. A duración dos partidos é de dous tempos de 12 minutos cada un, salvo as semifinais e a final, que serán en dous partes de 20 minutos cada unha.

O torneo pode seguirse por Gol e LaLigaSportsTV, o que supón outro punto máis na aposta polo impulso e visibilidade do fútbol feminino.