RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA gana con solvencia un partido complicado

O Dépor ABANCA afrontaba o seu terceiro partido en menos de quince días en casa após dous precedentes nos que o equipo mostrou unha enorme solvencia e capacidade goleadora. A visita do DUX supoñía un salto de nivel para certificar esas boas sensacións do debut en liga e copa.

No dez primeiros minutos quedou patente que ía ser un partido máis igualado que os dous anteriores. As ocasións estreáronse cun disparo de Marta Charle contra a zaga e o rexeite, de vaselina desde a frontal, rematado por Raquel García, que caeu na parte superior da portería. Até ese momento, o dominio foi alterno e as chegadas producíanse en xogo para o Dépor ABANCA e a balón parado para o DUX, pero sen inquietar a ningunha das dúas gardametas. Foi precisamente nunha boa xogada polo costado dereito como o Dépor ABANCA conseguiu desequilibrar a situación do partido até ese momento. Unha internada de Ainhoa Marín que serviu a Paula Gutiérrez que, no pico da área pequena, non perdoou para pór o 1-0 no marcador de Abegondo.

Camiño do 30, ao saque dunha falta, repetiuse a xogada do gol, pero neste caso a zaga adiantouse á posibilidade de remate de Laura Fernández. E até nunha terceira ocasión idéntica, cun gran caneo de Ainhoa ante Paula Andújar que non atopou o bo remate, franco, de Millene Cabral.

Coa mesma tónica de partido até ese momento: bastantes saques de esquina para xerar perigo sen remate por parte do DUX e intentos de chegada en xogada por parte das Nosas, chegouse ao descanso.

Con dous cambios nas visitantes antes da continuación, Millene encarrilou o partido ao cinco minutos do segundo tempo cunha xogada persoal após recibir un pase en longo de Inés Altamira para internarse na área e, cando parecía que se lle complicaba o remate, bater con cabeza fría a Andrea de la Nava e pór o 2-0 no marcador.

A seguinte tamén foi súa nun man a man en velocidade que non puido rematar con comodidade pola presión da zaga e acabou nas mans da porteira visitante. Un DUX Logroño que após o segundo tanto local foise a polo seu xerando algunha chegada perigosa que non chegou a atopar rematadora ou portería. Entremedias, Laura Fernández puido sentenciar o partido, pero no man a man gañou Andrea de la Nava, blocando ben o seu disparo cruzado.

Polo outro costado, como durante todo o partido, entrou Ainhoa Marín para sentenciar o encontro nunha gran xogada individual que acabou rematando ao fondo da portería fronte a fronte con de La Nava. O Dux seguiuno tentando até o final, de novo a balón parado con varios saques desde a esquina ou cun lanzamento de Annelie Leitner desde a frontal que desde a bancada pareceu gol pero que se marchou levemente desviado. Finalmente, as visitantes fóronse sen carga en canto a goles nun partido no que o Dépor ABANCA foi capaz de materializar as súas oportunidades nun partido máis igualado do que reflicte o marcador final pero no que As Nosas buscaron durante os 90 minutos o que finalmente lograron: unha nova vitoria ampla e con bo xogo en Abegondo.

Dépor ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara, Paula Gutiérrez, Henar, Ainhoa (Patri López, min. 84), Laura Fernández (Carlota Suárez, min. 74), Marta Charle (Eva Dios, min. 61) e Millene Cabral (Sara Navarro, min. 74).

DUX Logroño: Andrea de la Nava, Coolfat, Paula Andújar (Rebeca Moreno, min. 43), Amani Kakounan, Ana Hernández (Smeda, min. 61), Olga García (Aixa Salvador, min. 46), Marcela Restrepo, Annelie Leitner, Ida Guehai (Bassira, min. 81), Paula Moreno e Iria Castro.

Goles: 1-0 Paula Gutiérrez (min. 16); 2-0 Millene (min. 49); 3-0 Ainhoa Marín (min. 73)

Árbitra: Ágata González (c. Catalán). Amoestou a Paula Andújar (min. 22), Amani (min. 72), Aixa Salvador (min. 83)

Incidencias: partido da 3ª xornada en Primera Federación FutFem disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 500 espectadores.