RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA inicia a segunda volta igual que a temporada, con vitoria ante o Espanyol (0-3)

Para arrincar a segunda volta, após un primeiro tramo de campionato de moita continuidade no once, Manu Sánchez apostou por un cambio no centro do campo do conxunto branquiazul. As capitás Alba e Teresa, titulares todo o ano, deixaron o seu posto a Maya e Kika. O resto da aliñación, a que conseguiu un punto en Paterna a pasada fin de semana.

O partido empezou con ataque por banda dereita do equipo local, completado cun centro perigoso á área que sacou de cabeza a defensa do Dépor ABANCA. As branquiazuis, hoxe de verde, chegaron por primeira vez no minuto 3 mediante unha xogada que acabou en córner após internada de Cris, lanzado sen perigo.

Despois doutro intento de aproximación perico, cun centro pasado desde a dereita de Débora que se marchou directamente fóra, o Dépor ABANCA non desaproveitou un novo córner sobre área local após internada na área de Athenea. Á saída do saque de esquina chegou o primeiro gol da mañá por mediación de Gaby.

Coa vantaxe o Dépor ABANCA non parou de atacar e Peke, nun balón que saíu rebotado dentro da área, estivo a piques de marcar o segundo, un gol que chegou no minuto 21 de novo a través de Gaby rematando un rexeite na área após disparo de Peke.

O terceiro tanto tería que esperar. No 23 anuláronllo a Peke por fóra de xogo ao recibir un centro de Nuria desde a esquerda. Despois dun primeiro terzo igualado e un segundo totalmente controlado polo Dépor ABANCA, o Espanyol tratou de reaccionar cun triplo cambio: Paloma, Ainhoa e Dulce deixaron o seu sitio a Eli, Julve e Ayaka.

As locais reaccionaron cun balón longo ao que Misa adiantouse a Eli del Estal e unha presión máis alta que fixo sufrir ao Dépor para sacar o balón xogado. Un centro desde a dereita do Espanyol, que non conseguiu cabecear limpamente, un disparo forte de Julve en balón solto dentro da área e paradón abaixo de Misa, outra internada para a dereita de Débora que acabou cun disparo de Julve sen demasiado perigo e un disparo de Eli en claro fóra de xogo que detivo Misa, sucedéronse camiño do descanso.

A última da primeira parte foi unha xogada de Athenea que acabou con centro e remate moi preto da liña de gol por parte de Peke e que sacou Mimi.

Nada máis comezar o segundo acto Nuria estivo preto do gol olímpico no cuarto córner do partido, como preto estivo Peke, a pase de Cris, rematando con moita rosca desde o bordo da área e mandando o balón rozando o pau dereito da portería do Espanyol.

Após dous córneres consecutivos que puideron dar o terceiro ao Dépor, este o acabou asinando Kika, unha das novidades no partido de hoxe, ao remachar un pase en profundidade de Iris.

Co partido sentenciado, o Espanyol buscou o gol da honra a través de Julve ou dunha xogada en profundidade de Kenny, pero Misa non baixou a garda en ningún momento.

Mentres Manu Sánchez empezaba a mover o banco, o Espanyol seguiu buscando ese gol cun remate alto de cabeza de Eli del Estal ou unha falta de Torrodá que deu no traveseiro e rebotou no chan pero fóra da liña de gol. O Espanyol reclamou como gol pero as colexiadas indicaron que o balón botara fóra. Ademais Misa reaccionara moi rápido no rebote, como nunha posterior gran xogada de Baudet.

O Dépor ABANCA puido facer o cuarto nunha oportunida clarísima de Peke a pase de Carlota pero o remate fóiselle á esquerda da porteria do Espanyol, igual que a Gaby a tres minutos do final.

A última do partido tívoa o Espanyol, nunha ocasión que salvou Iris a córner tirándose ao chan cando ía rematar Ayaka soa ante Misa. Córner sen perigo que atrapou a gardameta por alto para pór o punto final ao primeiro partido dunha segunda volta que comezou como a primeira, con vitoria fronte ao Espanyol.

RCD Espanyol: Mimi, Débora (Kenni, min. 62) , Inés, Soldevila, Dulce (Ayaka, min. 33), Letti, Torrodá, Baudet, Ainhoa (Julve, min. 33), Paloma (Eli del Estal, min. 33) e Brenda.

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Villegas, Nuria (Érika, min. 85), Maya (Alba, min. 78), Iris, Kika, Gaby, Peke (Michelle, min. 82) e Athenea (Carlota, min. 63).

Goles: 0-1 Gaby (min. 14); 0-2 Gaby (min. 21); 0-3 Kika (min. 58).

Árbitro: Cebollada López (c. Aragonés). Sen amonestacións.

Incidencias: partido correspondente á 16ª xornada de Primeira Iberdrola disputado no campo 1 da Cidade Deportiva Dani Jarque.