RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA leva nos penaltis a II edición do Trofeo Emma Cuervo

O Deportivo ABANCA impúxose esta tarde no campo Pepe Barrera de Ribadeo na quenda de penaltis (4-2) ao Real Oviedo e levou a II edición do Trofeo Emma Cuervo, na penúltima cita desta pretemporada. Ao final do tempo regulamentario chegouse con empate (1-1).

O amigable serviu ademais de test de cara ao compromiso ligueiro de ambos os equipos, na 2ª xornada de liga, o 17 ou 18 de setembro en Oviedo.

Foi unha cita especial para Lorena Reina, Henar Muiña e Carlota Suárez, ex futbolistas con pasado carbayón que hoxe se reencontraron co seu antigo Club.

O partido arrincou con ritmo. Ao cuarto de hora, Grace adiantaba ao Real Oviedo após unha falta lateral mal defendida polas branquiazuis. A resposta deportivista foi rápida, no minuto 23, grazas a un penalti transformado por Ainhoa Marín a consecuencia dunha man dunha defensora asturiana.

Con este marcador chegouse ao descanso. Nos primeiros 45 minutos as mellores opcións foron para o Dépor ABANCA, que foi de menos a máis co paso dos minutos. Ainhoa Marín e Carlota Suárez dispuxeron desas claras ocasións.

Despois do paso polos vestiarios, o Real Oviedo quedou con dez xogadoras posto que Isina foi expulsada por dobre amarela.

No minuto 55, xusto antes do carrusel de cambios, o árbitro do encontro anulou un gol a Marta Charle por fóra de xogo.

O dominio do xogo era do Dépor ABANCA ante un rival en inferioridade numérica e que só inquietou en accións a balón parado. Marta Charle, Ainhoa Marín e Patri López gozaron das mellores oportunidades, aínda que sen fortuna.

Ao final do partido chegouse con empate (1-1). Na quenda de penaltis As Nosas estiveron máis certeiras. A gardameta Lucía volveu ser decisiva ao deter unha das penas máximas, tal e como sucedeu no Trofeo Teresa Herrera en ABANCA-RIAZOR aquela vez fronte ao FC Famalicão.

Deportivo ABANCA: Lucía, Samara (m. 78, Laura Fernández), Cris (m. 78, Patri López), Inés, Raquel, Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (m. 68, Lorena Reina), Marta Charle (m. 78, Paula Monteagudo), Eva Dios e Carlota Suárez (m. 60, Aroa Guerra).

Un último amigable ante o Athletic Club B, o sábado 3 de setembro ás 18:00 en Asturias, servirá de punto e final á pretemporada para o equipo que dirixe Irene Ferreras.

Mañá luns, o cadro do Dépor ABANCA adestrarase na Cidade Deportiva a partir das 10:00 horas.

O calendario de pretemporada do Dépor ABANCA, cos resultados dos partidos xa xogados, é o seguinte:

Valadares Gaia FC 2 - Deportivo ABANCA 4 (Carlota Suárez, Millene -2- e Eva Dios)
Deportivo ABANCA 2 (Paula Gutiérrez e Inés Altamira) - FC Famalicão 2. A penaltis: 5-3 (X Trofeo Teresa Herrera)
Deportivo ABANCA 1 (Ainhoa Marín) - SD Eibar 2
Viaxes InterRías FF 0 - Deportivo ABANCA 2 ( Eva Dios e Marta Charle) (Trofeo Concello de Sanxenxo)
Deportivo ABANCA 1 (Ainhoa Marín) - Real Oviedo 1. A penaltis: 4-2 (Trofeo Emma Cuervo)
Deportivo ABANCA - Athletic Club B, sábado 3 de setembro, 18:00 horas, Campo Municipal Lles Caleyes (Villaviciosa, Asturias)