RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA mantén a súa praza no segundo chanzo do fútbol nacional (3-1)

O Deportivo ABANCA impúxose con claridade e merecemento á Real Unión de Tenerife no playout de Reto Iberdrola, disputado a partido único en campo do equipo mellor clasificado na liga regular, co que a próxima temporada continuará no segundo chanzo do fútbol nacional.

O dominio do conxunto herculino foi claro durante a maior parte do encontro e só durante uns minutos, após encaixar o gol tinerfeño, cedeu un pouco de terreo ante o empuxe dun equipo visitante que nunca estivo preto de poder facerse coa vitoria.

O partido comezou con varias chegadas claras das branquiazuis. No minuto 2, un centro raso de Ainhoa Marín desde a dereita atrapouno a porteira arxentina Solana Pereyra anticipándose a Laura Fernández. No minuto 6, a propia dianteira valisoletana cabeceou desviado un centro de Cris Martínez. Aos 10 minutos chegou a primeira gran ocasión. Un córner directo de Paula Gutiérrez volveuno a rexeitar a saque de esquina Solana Pereyra e no consecuente córner, Laura Fernández peiteou ao traveseiro o centro de Paula Gutiérrez.

O partido era practicamente un monólogo, pois o Real Unión de Tenerife, aínda que si mantiña a posesión nalgunhas accións, non trenzaba xogadas en campo contrario dignas de mención.

Ao cuarto de hora chegou outra dobre oportunidade clara para o Dépor ABANCA. Primeiro, María Ruiz soltou un potente dereitazo afastado que foise alto por pouco. Case de inmediato, Jone Ibáñez cabeceou en posición vantaxosa un novo centro de Cris, pero a pelota perdeuse moi preto do traveseiro.

Durante uns minutos, perderon profundidade os ataques branquiazuis. Ata que no minuto 33, un duro disparo de Ainhoa Marín desde a frontal da área no rexeite dunha falta lateral amorteceuno a panameña Aldrith Quintero, pero a defensa tinerfeña escorregou e a pelota quedou franca a Inés Altamira para fusilar á porteira arxentina do Real Unión de Tenerife.

Co marcador a favor, o Dépor ABANCA controlou o partido con aínda maior claridade e con moita cabeza, sen volverse tolo en pos do segundo tanto. Pola súa banda, o Real Unión de Tenerife puxo a proba por primeira vez a Ana Valles no minuto 41, nun centro desde a esquerda que peiteou a nipoa Ayano Dozono a mans da gardameta deportivista.

A segunda metade empezou igual que a primeira, cun centro raso de Ainhoa desde a dereita que atrapou Solana Pereyra con Laura Fernández axexando en busca do remate. A dianteira catalá realizou pouco despois unha gran acción individual após un contragolpe conducido por María Ruiz. Unha defensa visitante desbaratou a acción ao cortar o pase da morte de Ainhoa Marín cara a Laura Fernández, completamente soa ao bordo da área pequena. Laura Fernández tivo nos seus pés o segundo tanto cando aínda non transcorreran cinco minutos do segundo tempo. Recortou á porteira tinerfeña após un pase en profundidade de Eva Dios pero escorouse demasiado e o seu dereitazo perdeuse á esquerda da portería.

Tanto esmagaba o Dépor ABANCA que en tres minutos deixou practicamente pechada a eliminatoria. No minuto 51, María Ruiz fixo o 2-0 após culminar unha longa carreira desde mediocampo, aguantando en espera dos desmarques de Laura Fernández pola esquerda e de Ainhoa Marín pola dereita, cun potente dereitazo desde 25 metros que entrou na portería moi preto da base do poste esquerdo. Dous minutos despois, Jone Ibáñez roubou un balón a unha defensa tinerfeña e desde a media lúa sorprendeu á porteira cun rápido e colocado disparo pegado ao pau contrario, o mesmo por onde entrara o segundo gol, para asinar o 3-0.

En pleno festival coruñés, no minuto 56, María Ruiz puido facer o cuarto tanto ao interpoñerse a un pase entre lateral e central pero a porteira arxentina do Real Unión de Tenerife adiviñou o seu disparo no man a man.

Como tantas veces ocorre no fútbol, após perdoar a sentenza chegou o desconto por parte do rival. Saray recuperou unha pelota en tres cuartos e superou cunha vaselina a unha adiantada Ana Valles para establecer o 3-1 no minuto 63. Con media hora aínda por diante e a vantaxe reducida a dous goles, o Real Unión de Tenerife empuxou un pouco máis e o Dépor ABANCA cedeu uns metros. Foron os minutos de maior incerteza do partido, pois aínda que o conxunto canario non puxo a proba a Ana Valles si chegou nun par de ocasións á área coruñesa con centros que puxeron en apertos á defensa deportivista.

O Dépor ABANCA repúxose a eses minutos de dúbidas e a un cuarto de hora do final dispuxo doutras dúas oportunidades para facer o cuarto tanto. Na primeira, Aroa roubou a pelota en tres cuartos a Aldrith Quintero e tentou sorprender de lonxe a Solana Pereyra, pero o seu tiro foise á dereita do portal visitante. Na segunda, María Ruiz recolleu o rexeite dun córner ao bordo da área, desfíxose do seu par cun chapeu e enganchou un dereitazo que rozou o traveseiro.

No tempo engadido, Mery Martí tivo dúas opcións de facer o 3-2, pero tralos cinco minutos de prolongación o árbitro sinalou o final do encontro coa vitoria do Dépor ABANCA, que seguirá no segundo chanzo do fútbol español, a próxima temporada reducido a un único grupo de 16 equipos, a denominada Primera División RFEF Feminina.

Deportivo ABANCA: Ana Valles, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Eva Dios, Carlota, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín, Jone Ibáñez (Alba Merino, min. 89), María Ruiz (Vika Hiryn, min. 86) e Laura Fernández (Aroa Guerra, min. 61).

Real Unión de Tenerife: Solana Pereyra, Laura (Potassa, min. 75), Sandra (Ana Paula, min. 72), Aldrith Quintero, Jenni (Rebeca, min. 85), Marta (Tibi, min. 46), Joseline Pérez (Saray, min. 46), Ayano Dozono, Lara Martínez, Mery Martí e Cira.

Goles: 1-0 Inés Altamira (min. 33); 2-0 María Ruiz (min. 51); 3-0 Jone Ibáñez (min. 53); 3-1 Saray (min. 63).

Árbitro: Pedro Oreiro Hermida (c. galego). Cartón amarelo a Paula Gutiérrez (min. 62) e Ayano Dozono (min. 71).

Incidencias: partido do playout de Reto Iberdrola disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante uns 3.000 espectadores que encheron Tribuna Inferior.