RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA mereceu máis no campo do Levante UD (1-0)

O Deportivo ABANCA mereceu traerse algo da súa visita á Ciudad Deportiva de Buñol, feudo do Levante UD, nun partido cunha parte para cada equipo e que finalizou como o primeiro en que o conxunto branquiazul non ve porta desde a súa estrea na Primera Iberdrola.

Comezou o partido con claro dominio do conxunto local, que no minuto 7 gozou dunha oportunidade franca para abrir o marcador. Rocío recolleu un balón á saída dun córner e co seu pé dereito disparou de socato ante Sullastres, que rexeitou o coiro. A defensa coruñesa acabou alonxando o perigo.

Ao cuarto de hora, Zornoza disparou alto despois dunha acción de Jucinara pola esquerda. A piques de chegar ao ecuador do primeiro tempo produciuse o primeiro disparo do Dépor ABANCA, obra de Teresa Abelleira. A pelota acabou moi por riba do traveseiro da portería da romanesa Andreea Părăluță.

De inmediato volveu achegarse o Levante, nun remate de Alba Redondo a centro de Zornoza. A dianteira local non se esperaba o balón após rozalo levemente Iris e non puido precisar o seu disparo. Foi o momento no que cambiou o partido, que comezou a dominar con maior insistencia o Deportivo ABANCA.

Con todo, ao fío do descanso, a arxentina Estefanía Banini estrelou un disparo no traveseiro e, na seguinte xogada, xa no minuto 44, Alba Redondo abriu o marcador, nunha rápida triangulación da liña de tres cuartos azulgrana, que culminou cun inapelable disparo cruzado.

A segunda metade arrincou cun centro-chute de Michelle Romero que milagrosamente desviou Părăluță a saque de esquina. Á hora de xogo, Athenea supliu á dianteira venezolana e, nada máis entrar no terreo de xogo, estivo a piques de lograr o empate. A dianteira cántabra revolveuse na media lúa para soltar un dereitazo que se foi lambendo o pau esquerdo da portería local.

Dous minutos despois, Peke centrou raso desde a dereita, Părăluță non puido atrapar a pelota, que quedou solta na área, pero Ivana Andrés tirouse ao chan para evitar que Gaby, que chegaba desde atrás, fusilase á porteira levantinista. O Dépor ABANCA estaba desatado e no minuto 66 dispuxo dunha dobre oportunidade. Alba Merino sacouse un potente dereitazo desde a frontal da área que Părăluță de novo despexou. O balón solto recolleuno rapídisima Athenea, cuxo remate rexeitou de novo a gardameta azulgrana.

Pouco despois, Eva Navarro gozou dunha clara opción para sentenciar o partido, pero o seu remate, após entrar na área polo extremo dereito, foise excesivamente cruzado. As branquiazuis responderon rápido, nun libre indirecto dentro da área por xogo perigoso de Rocío sobre Gaby. Teresa Abelleira superou á barreira pero non a estirada de Părăluță, que evitou un gol cantado.

A dez minutos da conclusión, outra vez Athenea tivo nas súas botas o gol para o Deportivo ABANCA. Nesta ocasión controlou en carreira un pase desde a dereita de Peke, para tentar despois bater á porteira local cun suave remate cruzado. O balón saíu rozando o poste dereito do marco valenciano.

Nos minutos finais, as branquiazuis non foron capaces de volver chegar con perigo á portería dun equipo azulgrana que soubo contemporizar e parar o partido esgotando as súas substitucións.

Con esta derrota, a terceira da temporada despois de 11 partidos, o Deportivo ABANCA cae á cuarta posición, superado precisamente polo Levante UD, cos mesmos puntos (22) pero con mellor diferencia de goles (+6 por +3) para as valencianas.

Levante UD: Părăluță, Ona Batlle, Rocío, Ivana, Jucinara, Zornoza (Sonia Bermúdez, min. 86), Maitane, Banini, Gemma (Nerea Pérez, min. 90+3), Eva Navarro (Esther González, min. 79) e Alba Redondo (Alharilla, min. 73).

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, María Méndez, Laura, Nuria, Teresa Abelleira, Iris, Alba Merino (Maya Yamamoto, min. 83), Gaby, Michelle Romero (Athenea, min. 61) e Peke.

Gol: 1-0 Alba Redondo (min. 44).

Árbitra: Acevedo Dudley (c. catalán). Cartón amarelo a Alba Merino (min. 82) e Iris (min. 90+2).

Incidencias: partido da 12ª xornada da Primeira Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Buñol ante uns 200 espectadores.