RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor Abanca pechou en María Pita dous días de homenaxes

Coa visita ao Palacio Municipal de María Pita concluíron dous días de homenaxes ás xogadoras do Deportivo ABANCA que lograron senllos ascensos de categoría: á liga Iberdrola o primeiro equipo e a Segunda Nacional o filial.

As actividades comezaron onte pola tarde coa visita que as xogadoras de Manu Sánchez fixeron na Cidade Deportiva da Torre ao adestramento do Dépor Genuine. A sorpresa emocionou aos xogadores e xogadoras do equipo Genuine, que durante a temporada animaron sen cesar ás súas compañeiras desde as bancadas da Cidade Deportiva de Abegondo.

Após unha foto fronte á Torre de Hércules, a segunda das paradas foi no Estadio ABANCA-RIAZOR para compor un 1 na bancada do municipal coruñés xunto aos directivos do Club, que xa antes acompañaran a visita á Torre, na que Tino Fernández quixo despedirse como presidente dos membros do equipo branquiazul.

A primeira recepción da tarde tivo lugar nas novas instalacións da sede de ABANCA en Rúa Nova, onde o seu conselleiro delegado, Francisco Botas, deu a benvida e os parabéns, en nome de todos os empregados de ABANCA, aos dous equipos do Dépor. Após el, Tino Fernández quixo recoñecer ás 4 persoas que máis empuxaron o proxecto común: Jorge Mahía e Susana Ortiz de ABANCA, e Pablo Pereiro e Manu Sánchez, do Deportivo. Tamén tivo un recordo para a traxectoria de case seis anos desde que a creación do equipo expúxose por primeira vez, sen esquecerse das trabas e dificultades que tivo no seu nacemento dentro da cidade este equipo agora de Primeira División.

Despois de gozar dun cóctel, o bus do Dépor continuou percorrido até A Cervecería de Estrella Galicia en Catro Camiños, onde a quenda da benvida correu a cargo de Jose Villanueva, director de patrocinios de Hijos de Rivera, que trasladou ao equipo a felicitación de toda a compañía, en especial do seu Conselleiro Delegado, Ignacio Rivera. Após o brinde e a cea, a festa do Dépor Abanca continuou até ben entrada a madrugada.

Ao mediodía de hoxe, o peche de actos tivo lugar no Palacio Municipal de María Pita, onde o Alcalde, Xulio Ferreiro, e a corporación municipal homenaxearon, en nome da cidade da Coruña ao seu novo equipo de Primeira. Foi un acto tamén de agradecemento mutuo, polo traballo común realizado entre o Deportivo e o Concello no último lustro, nos últimos días antes da renovación de cargos tanto no consistorio como na praza de Pontevedra.