RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA perde a categoría pelexando até o final

Dobre ou nada, con moito que gañar e pouco que perder, afrontaba o Dépor ABANCA a penúltima xornada da temporada. Gañar garantía, polo menos, unha semana máis de vida en Primera Iberdrola. Empatar ou perder, pór pausa a un soño que empezou hai pouco máis de dous anos. Para iso Manu Sánchez apostou polo mesmo equipo que se deixou media salvación quince días antes en Abegondo fronte ao UDG Tenerife.

Empezou ben o partido. No minuto cinco, unha internada de Athenea, que dubidou entre o pase a Peke ou o disparo, finalizando cun centro chute ás mans de Meline, estreou as ocasións. Antes, o Dépor ABANCA xa forzara un córner nun saque de falta lanzado por Blanco. Foron dez minutos iniciais de tenteo, con máis balón para as nosas e imprecisións, sobre todo arriba, do Betis.

A pesar diso, o acerto local foi total no centro ao segundo pau de Rosa Otermín no que apareceu a galega Mari Paz Vilas para rematar comodamente a contrapé de Sullastres e adiantar ás verdibrancas con setenta e cinco minutos aínda por diante.

O gol non cambiou o aspecto do partido até ese momento, cun Dépor ABANCA que tiña o balón pero que na zona de tres cuartos de ataque non atopaba camiños claros á portería rival. Só Blanco, desde 30 metros, logrou facer traballar a Meline cun disparo seco, pero demasiado afastado e centrado.

O Betis salvouse de xogar unha hora en inferioridade numérica porque a colexiada non considerou falta unha patada no nocello de Medina a Athenea que suporía a segunda amarela para a local. Peke de volea desde a frontal pescando un rexeite da defensa tentouno, pero o tiro saíulle alto, como desviado marcháraselle a Alba minutos antes ou a Blanco, de novo de falta, instantes despois.

Da nin falta nin cartón por patada pasouse a un salto limpo na frontal de Iris que lle custou o cartón a unha das capitás do equipo e o segundo tanto en contra. O disparo de falta desde a frontal pegou na bota de Peke que pechaba a barreira e o balón mordido sorprendeu a Sullastres que nada puido facer por evitar o segundo.

Tivo a vasca a mellor da primeira parte no minuto 40 nun gran pase de Gaby que lle serviu o man a man fronte a Meline, resolto a favor da gardameta local. Blanco, co terceiro intento, neste caso con balón en xogo, puxo o epílogo das ocasións á primeira metade.

O segundo tempo arrincou con cambio de pezas, Lía por Blanco, e o correspondente axuste de sistema para tratar de logar a remontada, única opción válida para as nosas. O Dépor ABANCA apertou desde a saída. A primeira chegada, nun centro chute de Athenea que non atopou rematadora de primeiras pero que Gaby puido orientar a portería até atoparse coa defensa na traxectoria do balón. A propia Athenea estrelou o balón no lateral da rede na seguinte chegada Deportivista.

A media hora do final Ángela Sosa puxo a puntilla ao partido cun recorte no pico da área e un disparo seco, raso e cruzado ao segundo pau que supuxo o 3-0 no marcador. A partir de aí o partido quedou sen historia mentres as nosas trataban de encaixar e superar emocionalmente no terreo de xogo o pau do descenso consumado. Pero antes de pechar o partido o Dépor ABANCA deu mostra do seu espírito, o que lle permitiu manter as opcións até o final da temporada, cunha contra conducida por Athenea e rematada por Peke no tanto máis amargo da máxima goleadora histórica do Dépor.

O Dépor ABANCA porá punto final á temporada e puntos suspensivos á súa historia en Primeira a próxima fin de semana en Abegondo fronte ao Athletic Club nun partido que ten que ser un día de homenaxe e agradecemento entre futbolistas e afección por dúas temporadas inesquecibles, por tantas cousas vividas, na máxima categoría do fútbol feminino nacional.

Real Betis: Meline, Medina (Nana, min. 78), Ana González (Bea Parra, min. 83), Rosa Otermín (Aixa, min. 78), Rosa Márquez, Dorine, Paula, Ángela Sosa, Valle, Mari Paz (Abam, min. 78) e Altuve (Ana Hernández, min. 63).

Dépor ABANCA: Sullastres, Cris, Blanco (Lía, min. 46), Iris, Villegas (Helena, min. 77), Eva Dios (Bedoya, min. 66), Ainoa, Alba, Gaby, Peke e Athenea.

Goles: 1-0 Mari Paz (min. 15); 2-0 Ángela Sosa (min. 38); 3-0 Ángela Sosa (min. 61); 3-1 Peke (min. 90+2).

Árbitra: Rivera Olmedo (c. vasco). Amoestou a Ana González (min. 12), Medina (min. 21), Iris (min. 37), Altuve (min. 58) e Ainoa (min. 60).

Incidencias: partido da penúltima xornada de Primera Iberdrola disputado no Municipal Felipe do Val (San José de La Rinconada, Sevilla).